A pantasma dunha moción de censura volve a planear por Pontecesures. O renovación da dirección na agrupación local do Partido Popular e as últimas controversias vividas no Concello, en relación ás facturas do gasóleo ou o parque empresarial, levaron aos grupos da oposición a retomar esta posibilidade con novos pulos. Nos últimos días, o PP volveu petar á porta de ACP e o PSOE pero, unha vez máis, os principais problemas xorden á hora de buscar alianzas co socialista Óscar Gerpe. E non é porque el non queira. Onte era claro á hora de falar do asunto. «A moción de censura sería desexable, pero é moi difícil», sinalou sen querer entrar a máis detalles.

Pero a ninguén se lle escapa que o problema está máis no seo do partido que en el mesmo. A dirección do PSdeG non autorizaría un pacto cos populares e, polo tanto, Gerpe vese suxeito pola disciplina de partido a pesares de que considera que en Pontecesures dáse un caso excepcional que require da formación dun goberno alternativo.

Así as cousas, a moción de censura do PP parece que se vai quedar, unha vez máis, en intento e o bipartito formado polo BNG e IP seguirá gobernando en minoría a oito meses das eleccións municipais. En todo caso, a súa capacidade de manobra e nula pois a oposición está facendo valer a súa maioría na política municipal. O último exemplo veuse a conta do polígono industrial.

:: La Voz de Galicia ::