NOTA DA AGRUPACIÓN CIDADÁ DE PONTECESURES (ACP)

A pesar de habelo solicitado hai máis de 10 días e de que están no concello dende hai unha semana, o alcalde de Pontecesures aínda non facilitou e este concelleiro as listas de traballadores desempregados enviados pola Oficina de Emprego de Vilagarcía (máis de 100) para seleccionar entre eles os 36 alumnos do obradoiro de emprego.

Con esta actitude do alcalde amósase, unha vez máis, que este alcalde obscurantista non ten intención algunha de que a oposición teña información do proceso selectivo e que trata de que se forme un obradoiro do grupo de goberno sen contar para nada cos restantes membros da corporación. Lémbrase que o alcalde incumpleu o seu compromiso asumido no pleno e deixou fora á oposición do grupo de traballo mixto que seleccionará o persoal do obradoiro.

Seguindo coa obriga de informar sobre este tema, comunicase que hoxe reúnese na Delegación de Traballo de Vigo o grupo de traballo mixto composto por tres representantes da Delegación e tres do concello (o alcalde, a 1ª tenente de alcalde Maribel Castro e a concelleira nacionalista Margarita García Castro) para analizar os cuestionarios cumplimentados polos aspirantes o pasado día 21 e xulgar outros criterios para decidir a relación de aspirantes (mínimo de 72, dous por praza) que pasará á fase da entrevista. Esta lista será publicada o día 5 de decembro no taboleiro de anuncios do concello onde será fixada a nota a data da citada entrevista.

Por outra banda, hoxe día 29 será publicada na Oficina de Emprego de Vilagarcía a lista dos aspirantes que se inscribiron para as prazas de director, titor e expertos nas materias que se van impartir no obradoiro, despois da baremación realizada na Delegación de Traballo de Vigo por parte do grupo de traballo mixto como requisito previo á celebración das probas de selección por parte do citado grupo.

Tamén se está a elaborar na Oficina de Emprego de Vilagarcía a sondaxe de candidatos ao posto de administrativo do obradoiro de emprego que serán enviados ao grupo de traballo mixto para seleccionar un deles.

Pontecesures,29 de novembro de 2006
Luis Angel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures