A malla: máis ca un traballo, un entretemento.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

malla.jpg

A malla celebrouse no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro.

Os integrantes da asociación de maiores ??Axentiva?, de Valga, puxéronse de novo mans á obra para continuar coa recuperación do patrimonio tradicional inmaterial do municipio, especialmente no que se refire ás tarefas do campo. Onte tocoulle o turno á malla do trigo, que congregou a preto de trescentas persoas no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. Os máis pequenos non perderon detalle dun proceso que para eles é totalmente descoñecido, pois a introdución da tecnoloxía moderna fixo que desapareceran este tipo de tarefas manuais. Esta actividade conta co respaldo promocional do proxecto Ronsel, integrado pola Xunta e as universidades galegas.

Os manles de madeira e coiro volveron bater con forza, por segundo ano consecutivo, no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro, en Valga. Unhas trescentas persoas, entre maiores e nenos, déronse cita para presenciar unha nova etapa do proceso de elaboración do pan ó xeito tradicional. Nesta ocasión foi a malla a protagonista. Os integrantes da asociación ??Axentiva? tomaron en serio a súa tarefa como mestres por un día e na véspera ensaiaron o movemento que tiñan que darlle ós manles para que onte saíra todo perfecto. A verdade é que ritmo puxéronlle do bo, acompañado ademais polo son das pandereteiras de Moldes, que entonaron temas como ??A Carolina? ou ??Catro vellos mariñeiros?.
Tras unha entrada triunfal de todos os participantes cargando con cestos e cos manles, os homes coparon o protagonismo á hora de bater no trigo para soltar o gran da palla. Non contaban cun pequeno inconveniente que lles fixo empregarse a fondo, porque o cereal resistíase a saír da casulla e houbo que darlle uns cantos golpes demáis antes de poder comezar coa escolma e botar man dos cribos para limpar ben o gran e poder gardalo para levalo a moer.

Entre tarefa e tarefa, tamén houbo tempo, e bastante, para a diversión e para repoñer forzas. Para iso, nada mellor que unhas galletas surtidas e unhas copiñas de viño doce ou de caña do país de Valga, xa fora branca ou de herbas. Co corpo quente e cheo chegou a hora de facer o palleiro, que puxo fin á xornada no colexio Ferro Couselo.

Caracterizados > Os aproximadamente 150 rapaces de Valga e tamén chegados de Pontevedra non perderon detalle de todo canto lles ensinaron os maiores, e algúns incluso se atreveron a botar man dos manles para probar sorte na ??arte de mallar?. Moitos dos pequenos non perderon a ocasión de ir ó baúl dos recordos e vestirse como simpáticos velliños, con saias longas, panos na cabeza, sobreiros e incluso bigotes ficticios, que daban un maior realismo á imaxe dos alumnos e achegábaos aínda máis á época na que se facían estes traballos agrícolas.

O proceso de elaboración do pan non remata aquí, senón que aínda lle faltan varias etapas como a moenda, que se realizará nun dos poucos muíños que aínda funcionan na vila, situado na parroquia de San Miguel. O amasado será a penúltima etapa, xa que todo concluirá cunha boa comedela na zona da Candieira para celebrar o ??Serán?.

Este proxecto para recuperar as tradicións de Valga cumpre xa dous anos e en ámbalas dúas edicións contou cun gran respaldo por parte da cidadanía, que acude cada vez en maior número a cada actividade que se celebra. A iniciativa está avalada polo proxecto Ronsel, integrado por Agader e as tres universidades galegas, e que precisamente traballa en prol da recuperación do patrimonio cultural e tradicional inmaterial de Galicia.

DIARIO DE AROUSA, 24/08/09


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.