Campamentos de Verán A Lanzada 2012.

Dende o día 1 ata 30 de marzo, queda aberto o prazo para a presentación de solicitudes de praza para os campamentos de verán organizados pola Deputación de Pontevedra nas súas instalacións de A Lanzada.

As estancias realizaranse entre o 24 de xuño e o 8 de setembro, nun total de once quendas, cunha duración de unha semana, e cun prezo de 68 €. Dado que esta contía pode resultar  de difícil acceso para moitas familias do concello con escasos recursos económicos, igual que en anos anteriores, establécense bolsas económicas para financiar o copagamento con dous importes, do 80% do custe para familias cunha renda inferior ao SMI (máis un 20% por cada membro adicional) e do 50 % no caso de que a renda supere este límite pero sexa inferior a 1,5 SMI (incrementado igualmente nun 20% por cada membro adicional da unidade familiar).

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Pontecesures encargarase da recollida e envío das solicitudes presentadas, así como do procedemento de adxudicación das Bolsas. Lembrar que esta convocatoria vai dirixida a nenos e nenas nados entre 1999 e 2004. Os interesados poden recoller os formularios no departamento de Servizos Sociais do Concello, e tras cubrir a solicitude de praza e a ficha de inscrición, deberán presentalas no Rexistro Xeral do Concello, acompañadas do documentación requerida (copia do DNI do pai, nai ou titor e do menor demandante, así como a súa tarxeta sanitaria ou seguro médico e certificado de empadroamento).

A finais do mes de abril, a Deputación de Pontevedra efectuará un sorteo ante notario para adxudicar as prazas entre todas as solicitudes presentadas na provincia. A lista de admitidos así como a de espera publicarase na web do organismo provincial, www.depo.es, a partir do dous de maio, así como no taboleiro de anuncios do Concello.

Máis información, descontos e documentación a presentar no seguinte enlace:

http://www.pontecesures.org/vernoticia.asp?id=301

Esta entrada fue publicada en Sin Categoria y clasificada en , , , . Guarda el enlace permanente. Los trackbacks están cerrados, pero puedes publicar un comentario.

Publicar un Comentario

Debes iniciar sesión para publicar un comentario.