A deficitaria patraña do déficit público.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Por Xabier Ron. GALICIA CONFIDENCIAL 15/04/12

??No vacilaremos en tomar las medidas oportunas para lograrlo. Nuestro primer objetivo es el déficit, el segundo es el déficit y el tercero, el déficit?, así xustificaba o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o maior recorte orzamentario da democracia no estado español, que se sitúa nos 27.300 millóns de euros. Sirva o mantra de Montoro para introducir as presentes liñas que falan da coartada para o recorte, o déficit e, unido a el, a débeda pública.

1. A filosofía ultraliberal imprégnao todo. Domina a linguaxe e transmite ideas falsas sobre a economía e por iso vólvese instrumento de segregación e enmascaramento. Fala da inevitabilidade, como se os mercados fosen entes abstractos, sen nome e apelidos e sen intereses. Pero non é así. Non hai espírito santo nin maxias: todo responde a unha decisión política de persoas concretas.

2. A solidariedade é un termo que os ultraliberais empregan, pero que non saben entender na súa verdadeira dimensión, de aí que a redución do gasto público, o control das contas públicas ligado ao déficit e os procedementos de vixilancia sobre os orzamentos nacionais supoñan unha vulneración das normas democráticas da soberanía nacional e sexan fondamente insolidarios.

3. As politicas europeas son insustentables e antisociais. O Colectivo de Economistas Aterrados afirma, sen ambaxes, que son reformas estruturais perigosas para a cohesión social e o equilibrio no reparto das posibilidades de realización [1]. A prolongada política de bonificación ás rendas elevadas ??das que coñecemos unha nova mostra na decisión de Rajoy de recompensar aos defraudadores nos Presupostos 2012- contrasta coa ineficaz armonización fiscal europea.

4. O Banco Central Europeo (BCE) non serve tal como está concebido, xa que obriga aos Estados membros a financiar a súa débeda pública nos mercados financeiros, quedando así en mans de voitres especuladores. Neste eido, particularmente perxudiciais son os Credit default swaps (CDS), que conforman un mercado especulativo coa débeda soberana, parasitario e desestabilizador [1].

Temos que transformar o funcionamento institucional e financeiro de Europa, ou imos directos cara ao abismo. Como afirma Martín Seco, a Unión Europea, ??desde su creación, está inmersa en un lenguaje engañoso e hipócrita? [2].

As normas consignadas nos Tratados europeos, desde Maastricht, son unha ofrenda ao desastre que estamos padecendo, tal como alertabamos algúns na década dos 90 do século pasado, sendo por iso definidos ??catastrofistas?? ou mesmo, de forma falaz, ??antieuropeístas??. Pero o paradoxo é que a UE se fixo de ??espaldas a los ciudadanos, ocultándoles la dimensión y las consecuencias de los acuerdos y disimulando los intereses económicos que impulsaban el proceso? [2]. Por iso, non podemos desentendernos de Europa.

5. A construción europea non pode facerse tendo en conta estes mecanismos insolidarios. A cláusula de ??non salvamento? (no bail-out) do Tratato de Maastricht é absurda e incomprensible. O feito de que os países teñan prohibido recorrer ao BCE para financiar os seus déficits derivou no entreguismo destes países ás esixenzas da industria financeira, incluíndo ese niño de víboras, as nefastas axencias de cualificación [2]. A crise actual é unha mostra da carencia de mecanismos de solidariedade financeira en Europa: os fondos de rescate non o son, antes ben son unha proba máis da deriva e do entreguismo.

Entreguismo ben visible na obriga de introducir a ??regra de ouro? nas Constitucións nacionais sobre o déficit público estrutural limitado ao 0,5% do PIB. Aberrante: o único beneficiario é toda a engranaxe da industria financeira. E se para iso hai que dar un ??golpe de estado tecnocrático? faise e punto: Grecia e Italia teñen presidentes que non foron votados pola súa cidadanía. Ao mesmo tempo, a contracción do gasto público relega a millóns de persoas a vivir no limite das súas posibilidades de realización, cando non na pobreza (en España, máis do 21% da poboación).

6. Todas as medidas ultraliberais apelan a rebaixar o gasto público para controlar o déficit, o anatema dos ultraliberais, fonte de todo mal. Non obstante, os países como España deficitarios en infraestruturas e niveis baixos de bens e servizos sociais, educación, sanidade, protección social, etc., están na obriga de forma transitoria a endebedarse para mellorar [2]. Lembremos que o gasto social de España sempre estivo lonxe da media europea. Todas as medidas actuais hipotecan o noso futuro ao restarnos capacidade de mellora e facilitar os procesos de privatización [1].

7. Débense impoñer mecanismos de armonización fiscal en Europa e nos seus Estados membros. Temos que conquistar as institucións europeas, democratizalas e mudar o paradigma económico actual. Entón poderemos impoñer unha serie de medidas de cooperación: o BCE e os bancos nacionais deben prestar diñeiro, garantir a débeda pública e incentivar a creación de emprego; impedir a especulación coa débeda pública; fiscalizar impositivamente as transaccións financeiras e establecer un imposto excepcional sobre as grandes fortunas; en definitiva regular os mercados e a industria financeira, ao mesmo tempo que se fortalece o sector público. Non é imposible facelo. ? cuestión de ideoloxía e vontade política.

Non queda outra, temos que anular o nefasto poder absolutista da industria financeira e artellar unha verdadeira solidariedade entre os pobos de Europa…sempre que, claro está, consideremos que é preciso seguir formando parte da construción europea do futuro.

Bibliografía

[1] Economistas aterrados, Europa al borde del abismo, Pasos Perdidos / Barataria, 2012, p. 16-21, 38-39, 58-59, (impagable a análise dedicada a España, pp. 121-140).
[2] Juan Francisco Martín Seco, Economía. Mentiras y Trampas, Península, Barcelona, 2012, p. 21, 23, 46-52 (clarificador panorama sobre o BCE), 73-79 (de lectura obrigada para profanos no eido déficit público).

Categorías: OpiniónPolítica

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.