O pleno ordinario de Pontecesures segue sen celebrarse.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

NOTA DA ACP DE PONTECESURES

O día 25 de xullo por mor do accidente ferroviario de Santiago de Compostela o alcalde accidental daquela, Ángel Souto, convocou a toda a corporación e consensuáronse as actuacións a levar a cabo na honra dos falecidos (un deles nado en Pontecesures). Aceptamos, os integrantes da oposición, a proposta do goberno local de suspender o pleno ordinario sinalado para o 29 de xullo aínda non sendo un acto suxeito á suspensión, dicindo o alcalde accidental que o pleno ía ser despois dos días de loito oficial e que así podían levarse as contas xerais do orzamento do derradeiro exercicio e que sendo xa un pleno extraordinario levaría tamén, de ser posible dende o punto de vista legal, o punto de rogos e preguntas.

Pois ben; o tempo pasa e o pleno non se convoca. Nin o fixo o alcalde accidental (ocupou o cargo dende o 16 de xullo ata o 9 de agosto) nin o fai o alcalde titular. Non dixo a verdade o Sr. Souto Cordo pois a conta xeral do orzamento xa ía na orde do día do pleno do 29 de xullo (a pesar da suspensión, foi repartida a orde do día o 26 de xullo, advertíndose por todos a clara descoordinación entre os integrantes do goberno local), e o certo é que procede tratala canto antes no órgano colexiado. Por outra banda, axústase perfectamente á normativa legal incluir no pleno a convocar o punto de rogos e preguntas.

En fin; estamos coa desidia de sempre nun goberno local apático que non xestiona os asuntos. Non é de recibo demorar máis a convocatoria do pleno e impedir así á oposición o seu labor de fiscalización da xestión municipal formulando os rogos e preguntas correspondentes. Estase a dar á veciñanza a impresión de que temos un goberno local «de vacacións» e ninguén entende isto con tres concelleiros cobrando unha dedicación exclusiva.

Pontecesures, 12/08/13

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.