Hernández destaca «as relacións históricas, culturais, económicas e sociais» entre Santiago e Padrón.

Publicado por Redacción en

pasa1pasa2pasa3pasa4pasa5pasa6pasa7pasa8

Como cada luns de Pascua, celebrouse o Día de Santiago en Padrón. O alcalde compostelán, Agustín Hernández, encabezou a delegación municipal que se trasladou á vila veciña para celebrar esta xornada, na que ??ao igual que sucede co Día de Padrón nas festas do Apóstolo- os dous pobos renovan os seus lazos de irmandade.

Tras a recepción á Corporación compostelá e o intercambio de bastóns de mando e pendóns, os alcaldes de Padrón e de Santiago pronunciaron unhas palabras no salón de plenos. Así, Agustín Hernández, destacou a renovación da irmandade entre as dúas vilas, poñendo de relevo «as relacións históricas, culturais, económicas e sociais que fortalecen a propia proximidade xeográfica».

En palabras do alcalde, estas relacións «aséntanse na vinculación á figura do Apóstolo Santiago, co inicio da tradición xacobea e cunha antiga comunicación viaria, primeiro polo vello itinerario romano, e despois polos camiños portugués e do mar da Arousa». Eses lazos, engadiu, «perduran tamén na vida e na obra de destacadas personalidades ao longo da historia como o bispo Teodomiro e o arcebispo Xelmírez, aquel que ademais de promover as obras da Catedral, reconstruíu o porto de Padrón, que foi durante séculos o porto de Compostela».

«E únenos tamén o río Sar, que cantou nos seus versos Rosalía, que naceu en Santiago e morreu en Padrón, deixando viva, coa súa obra, esa íntima relación que aquí mostramos», indicou Hernández.

Na actualidade, destacou que os dous concellos seguen colaborando en diversos proxectos nos ámbitos turístico, cultural e medioambiental, a través da promoción, xunto con outros 14 concellos no grupo Área Santiago. Convencido de que este camiño de colaboración se ampliará no futuro, convidou a composteláns e padroneses a celebrar «a nosa historia común, a nosa vontade compartida de manter a nosa boa veciñanza e os nosos desexos de seguir representando, hoxe e no futuro, unha alianza eterna e fraterna».

Tras os discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns da Casa do Concello para escoitar a interpretación do Himno de Galicia e as actuacións das bandas municipais de Santiago e de Padrón na praza de Macías.

El Correo Gallego


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.