A primeira misa en galego cumpre cincuenta anos homenaxeando a Rosalía.

Publicado por Redacción en

O Panteón de Galegos Ilustres acolle mañá a Misa de Rosalía, que homenaxea á poetisa padronesa, unha eucaristía que se ven celebrando dende 1932. Neste ano, o acto terá un carácter especial, pois cumprirase con el o 50 aniversario da primeira misa oficial en lingua galega, que en 1965 contou coa aprobación do cardinal Fernando Quiroga Palacios e a homilía do padre Xaime Seixas. O secretario xeral de política lingüística, Valentín García Gómez, resaltou na presentación do acto que «esta celebración supuxo un paso adiante na valoración e na proxección social da lingua» nun contexto histórico «no que estaba todo por facer».

Dende entón, todos os 25 de xullo, con motivo do Día da Patria Galega, esta misa ten lugar no Panteón de Galegos Ilustres, situado na Igrexa de San Domingos de Bonaval. Dará comezo ás 17 horas cun momento musical ofrecido conxuntamente pola Orquestra de Cámara Galega e a Coral Polifónica El Eco de A Coruña, ao que seguirá a ofrenda floral no sepulcro de Rosalía de Castro. Presidirá a homilía o padre xesuíta Manuel Cabana Castro, que volverá a ler a primeira misa do padre Seixas e que tamén se distribuirá entre os asistentes nunha reedición.

Confirmaron a súa presenza no acto numerosos representantes dos organismos públicos e fundacións ligadas á cultura, entre os que se atopan os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; e Padrón, Antonio Fernández; representantes da Academia Argentina de Letras e a Ilustre Casa de Galicia no Xapón, entre outros.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.