O Camiño de Santiago a Padrón.

Publicado por Redacción en

Consérvanse innumerables testemuñas e relatos de peregrinos de distintos países que, dende a Idade Media, seguían unha arraigada tradición: tras visitar en Compostela as reliquias de Santiago, continuaban viaxe cara a Padrón para coñecer a orixe da tradición xacobea, que establece que foi a esta localidade onde chegaron por mar a Galicia os restos do apóstolo arredor do ano 44 despois de Cristo. Posteriormente foi levado nun carro de bois ata Compostela onde sería enterrado no monte Libredón. Neste espazo, é sobre os seus restos mortais, ergueuse a catedral de Santiago. O edificio de estilo románico foi construído entre os anos 1075 e 1211. Ao longo do tempo fixéronse numerosas ampliacións ata chegar ao resultado actual.

Por este motivo, a vila de Padrón é desde a Idade Media o epicentro da Tradición Xacobea, pois ademais de ser, tras Compostela, a segunda meta para moitos peregrinos, é un dos poucos lugares da Península Ibérica onde a tradición sitúa a predicación do apóstolo Santiago, concretamente no monte Santiaguiño entre os anos 34 e 42 da nosa era.

Padrón é, ademais, o punto de partida da última etapa dos peregrinos que seguen o Camiño Portugués a Santiago.

Referencias a Padrón no Codex Calixtinus (S.XII):

O Codex Calixtinus, texto referencial da tradición xacobea, non deixa lugar a dúbidas:

-O primeiro emperador paneuropeo, Carlomagno, viaxou ata Padrón: «despois de ir visitar o sepulcro de Santiago, [Carlomagno) chegou a Padrón sen achar resistencia e cravou unha lanza no mar, dando grazas a Deus e a Santiago por levalo ata alí, ao tempo que dicía que non puidera ir antes». Libro IV.

-Das sete portas de entrada a cidade de Santiago, só unha se cita como de saída e é xusto a de Padrón: «a quinta, Porta Falqueira que leva a Padrón». Libro V.

-O mesmo sucede coas igrexas da cidade. So unha se vincula cun camiño de saída da cidade. � de novo o padronés: «a sexta, a de Santa susana, virxe, que está á beira do camiño a Padrón». Libro V.

Afonso XI de Castela

O Rei Afonso XI de Castela armouse cabaleiro na Catedral en 1332. De seguido o monarca partiu de Santiago e foi a Padrón en romaría «porque a aquel lugar chegou o corpo de Santiago»

Rodrigo de Luna (S.XV)

O arcebispo compostelán, Rodrigo de Luna, mellora as instalacións do hospital de peregrinos de Padrón. El mesmo explica o motivo: «por canto os fieis cristiáns que con moita devoción visitan cada día nosa igrexa de Santiago, continuando as súas romarías ate a nosa igrexa de Padrón».

Testemuñas de Peregrinos

Temos moitas testemuñas de peregrinos que despois de chegar a Santiago continuaban viaxe cara a Padrón, como especifican nos diarios e relatos que nos deixaron:

-Nompar II, señor de Caumont, 1417. Na súa guía para futuros peregrinos narra: «este é un lugar [Padrón] a onde o Señor Santiago chegou por mar; o corpo e a cabeza chegaron separadas nunha barca de pedra, todo isto sen intervención allea, e eu vin a barca á beira do mar».

-Sebald Ortel, de Nuremberg, Alemaña, 1522: «Partimos de Santiago o día de todos os Santos e ao mediodía e chegamos a Padrón. Foron catro millas».

-Os duques de Nomtpersier, despois de facer a ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago, continúan viaxe cara a Padrón para venerar o Pedrón. Chegan o 28 de xullo de 1852.

-O cardeal e arcebispo de Santiago, Martín Herrera, peregrina a Padrón o 28 de xullo de 1902. O motivo puido ser a entrega dunha reliquia á parroquia de Santiago de Padrón. Tamén durante o seu mandato fixéronse obras de acondicionamento do monte Santiaguiño.

-A inglesa Annette Meakin, conta no seu Diario de Viaxe de 1907 que aínda lle explican que «a maioría dos peregrinos, despois de ter cumprido con Santiago, ían a Padrón a ver o lugar a onde o corpo do apóstolo chegara á terra».

-O historiador e eclesiástico Luciano Huidobro y Senra comenta no seu libro Peregrinaciones Jacobeas, publicado en 1948 que «complemento obrigado da visita a Compostela é sempre a de Padrón»

Isto e so un exemplo, pois hai moitas máis referencias relativas a visita dos peregrinos a Padrón,despois de visitar a tumba apostólica en Compostela.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.