«Desandar os erros de corporacións pasadas non se fai dun día para outro».

Publicado por Redacción en

alcs

O novo alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage (PP) pasou a mañá de onte no seu novo despacho, cos seus novos compañeiros de goberno, descubrindo o Concello dende a perspectiva de quen, dende o luns, leva o timón de mando.

-Dixo Cecilia Tarela que lles queda feito o traballo de aquí a final de ano…

-Eu, de momento, non cheguei á mesma conclusión, se ben é certo que este é o primeiro día de escola para min aquí. Sería desexable que a corporación saínte fixese un traspaso ordenado de poderes, que informase de como está a situación.

-Véxoo difícil, porque non houbo nin traspaso do bastón de mando.

-? certo. Parece que esta situación coiuntural, que está tutelada por lei -non fixemos ningún asalto ao poder nin ningunha cousa estraña- non lle debeu sentar ben [á exalcaldesa] porque si que o do luns foi un pleno traumático.

-Nel, o voceiro do PSOE, Roque Araújo, preguntoulle que vai facer coa RPT, coa Variante e se vai promover a fusión con Valga. Trasládolle esas cuestións.

-Isto é unha repetición do que pasou antes das eleccións do ano pasado. Parece ser que hai un interese por levantar este tipo de cortinas de fume, non sei ben con que obxectivo. ¿Que vai pasar coa RPT? Nós estamos de acordo en que hai que facer unha relación de postos de traballo consensuada, analizando caso por caso, e paulatina, periodificada no tempo. O que non podemos facer é metelo todo nun bombo, darlle a volta, e para ti tanto e para ti tanto outro. Non é sensato, e máis cun informe contrario da Intervención. En canto ao tema da variante… Pasar da oposición ao goberno non supón ter memoria selectiva. A xente reclámanos coherencia. Aquí houbo un pleno no que se aprobou por unanimidade que a opción menos prexudicial para o pobo era a que circulaba pola marxe esquerda da autoestrada, dirección Norte-Sur. Non moito tempo despois empezaron as pancartas. E en canto ao tema da fusión co Concello de Valga… Pois chove sobre mollado. Non hai ningún acordo, non está nin falado, non sei a que ven semellante desvarío. Ningún dos que está aquí expuxo isto, nin creo que sexa necesario prantexalo. ? un auténtico bulo.

-¿Polo menos mellorará a relación co Concello veciño?

-Nós con Valga, a nivel administrativo, tiñamos un contacto mínimo, baseado no famoso terreo que ten Valga no porto.

-Por certo, ¿vai intentar recuperalo?

-Que haxa que recuperalo é innecesario. Somos usufrutuarios e levamos séndoo durante moito tempo… O que si imos intentar é que estea nas mellores condicións posibles. Pero non considero unha prioridade recuperalo.

-Hai veciños que din que Pontecesures está morrendo. ¿Que vai facer para cambiar iso?

-Si se palpa esa atonía na vida cesureña. Houbo dous feitos que foron decisivos. Un, que o comercio e os supermercados que antes abrían en domingo despois deixaron de facelo, co cal xente que viña de Valga e Padrón, deixou de vir. E o tema da dirección única: antes había una capacidade bidireccional de entrar e saír coches e autobuses, nos que viña xente ao banco, ou de compras. Imos tratar de reverter esas dúas cuestións. As aperturas en domingo dependen dunha lei de comercio, a ver ata que punto se lle pode dar a volta a iso. E o cambio da dirección… Creo que paulatinamente se pode recuperar. Pode ser urbanística e tecnicamente complexo, pero cando menos debemos intentalo. Temos gañas de traballar, temos tres anos por diante, pero non temos unha variña máxica. Desandar os erros de corporacións pasadas non se fai dun día para outro.

-¿Como lle gustaría chegar ás vindeiras eleccións?

-A miña máxima é que a xente perciba e palpe que Pontecesures está mellor que cando se presentou aquela moción de censura tan bronca. E que o que parecía unha cousa insólita, foi o bálsamo de Fierabrás, que puxo un pouco couto e orde na maltreita estampa cesureña.

Juan manuel Vidal seage alcalde de pontecesures
«A moción de censura non se fixo coa idea de aglutinar as forzas de dereitas»

Saneamento, mellora do pavillón deportivo, construción dun centro social e reforma do porto son algunhas das obras que figuran no pacto de goberno.

-Iso deu pé a que dixeran que esta é unha moción de censura baseada no formigón. Non é certo. Estas son eternas demandas, infraestruturas que poden crear sinerxias para o desenvolvemento económico da vila.

-O pacto coceuse sen presa…

-De nada valía facer unha pirueta para ter un goberno collido con pinzas. Evidentemente, non son alleo a que a pesar de compartir unha sensibilidade política, cada un ten as súas diferenzas persoais. Conseguimos superalas, e agora non impiden sentarse a unha mesa e chegar a un acordo.

-¿Por que dividíu en dúas a concellaría de Obras e Urbanismo?.

-Nunca pensei que se lle fose dar tantas voltas a este asunto. Obras e Urbanismo acoutan cousas distintas. Poden coexistir nunha soa concellería, pero poden estar desdobradas. ? público e notorio que o tema das obras era uno dos núcleos da discusión, pero é que era un problema de concepto. Ao final, cada un tiña claro que era o que quería, e non era incompatible.

-¿Este é o primeiro paso para a reunificación do PP?

-Haio que partir de que, efectivamente, compartimos un tronco común, en canto a sensibilidade política, porque todos vimos das forzas de dereitas. ¿Que pode pasar de aquí a tres anos? Nós non botamos as contas pensando en aglutinar forzas políticas. Descoñezo se IP vai seguir presentándose. E Ángel Souto xa me ten dito que non entra nos seus plans o integrarse no PP, para nada. A moción de censura non se fixo coa idea de aglutinar forzas de dereitas. Pero é evidente que compartir un tronco común programático facilita as cousas á hora de chegar a acordos.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.