‘Mr. Misto’ e Cultura traen a cinco concellos do Salnés as mellores curtas do Estado

Publicado por Antonio Cortés en

A Consellería de Cultura, co apoio da productora «Mr. Misto Films», realiza estes días, baixo o nome de «Curtas no Nadal», unha ambiciosa campaña de proxeccións de curtametraxes por toda Galicia, nunha xira que terá unha das súas principais etapas nos concellos da Ría de Arousa.

Xoán Mariño, o vilaxoanés que encabeza «Mr. Misto Films» presentou onte este ambicioso proxecto elaborado pola Consellería de Cultura, unha iniciativa que pretende promocionar e difundir este modelo de expresión cinematográfica en Galicia. E O Salnés é unha das etapas principais deste «tour» no que se proxectará o mellor do panorama de curtas galegas e estatais, tanto en ficción, coma en animación ou ben en documentais.

Dos aproximadamente 70 traballos incluidos neste «Curtas no Nadal», o 50% son galegos, nunha aposta da administración autonómica por potenciar o audiovisual de Galicia, un sector que está a avanzar con pasos firmes no ámbito estatal.

O IES «A Basella», de Vilanova, acolle mañán mesmo a proxección de seis curtametraxes. O xoves o turno será na Praza de Abastos de Vilagarcía, cidade onte «Curtas no Nadal» voltará o 4 e o 20 de xaneiro (no Museo do Tren e en Cáritas, respectivamente). O día 29, esta iniciativa recalará no pub «Con do Moucho» da Illa de Arousa, mentres que o 2 e 3 de xaneiro, as proxeccións levaranse a cabo no Centro Social de Pontecesures. O 18 dese mes, o pub «Vinilo» do Grove será o escenario que acollerá seis curtametraxes.

Se ben noutras ocasións téñense proxectado curtametraxes na comarca, estas actividades téñense centrado en casas de cultura e centros sociais. A nova iniciativa amplíase a lugares máis diversos, desde pubs a entidades coma Cáritas, nunha aposta por achegarse ao maior número de público posible. Para acadar este obxectivo, estableceuse entrada de balde.

Unha característica a ter en conta é que as proxeccións non serán as mesmas nos concellos do Salnés, senón que as seis que se presentarán en cada localidade van combinándose, dando deste xeito unha maior versatilidade e evitando repeticións.

«Curtas no Nadal» é un chanzo máis no empeño de «Mr. Misto» de vertebrar unha programación regular de curtametraxes en Galicia, levando o audiovisual fóra dos núcleos eminentemente urbáns. Tamén se busca a dinamización do sector e crear canles de difusión para as obras dos novos creadores.

Nesta dinámica, a Consellería de Cultura da Xunta é, nesta aposta, o motor fundamental, como amosa o proxecto de «Curtas no Nadal».

Os cálculos dos organizadores cifran nunhas seis mil persoas as que asistirán ás 80 sesións que se organizarán no marco desta iniciativa nas diferentes comarcas de Galicia.

:: Diario de Arousa :: J.P.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.