«Os cesureños teñen que percatarse de que a movida non é só ruido. Xera riqueza e emprego»

Publicado por Carmen Barreiro en

Quen non recorda os grandes tempos da «movida cesureña», cando as rúas eran un mar de xente e entrar nalgún local era misión case imposible? Os hostaleiros de Pontecesures teñen esta imaxe gravada na súa mente e por iso, tras uns anos de vacas fracas, optaron por unir as súas forzar nun intento de que a noite de Pontecesures volva a ser o que era. Así naceu a Asociación de Hostalería, comandada por Xabier Freire Heleno, e da que actualmente forman parte un total de doce establecementos. Aínda que a iniciativa xurdiu dos locais nocturnos, acabaron sumándose tamén bares, cafeterías e incluso bocaterías e o experimento parece ir por bo camiño xa que «pronto seremos máis», apunta Freire, propietario do pub Kompló e o bar Víctor García.

¿Como foron os primeiros pasos desta nova asociación?

Era perceptible que o sector estaba un pouco de capa caída e démonos conta, por iso pensamos que o mellor para que rexurdira era xuntarnos para poder facer máis forza. Comezamos no entroido, cun concurso que tivo moito éxito e a partir de entón puxémonos a traballar en serio para constituir legalmente a asociación. Aínda que a idea partira dos locais de noite, o obxectivo é que o colectivo aglutine a todo o sector e, de feito, os bares xa comezan a integrarse tamén.

¿Cal cre que foi o motivo polo que Pontecesures deixou de ser unha zona de ocio nocturno de refencia?

Ninguna zona de copas se libra de pasar por momentos altos e baixos. A movida de Pontecesures remóntase a máis de vinte anos atrás e nunca houbera un baixón forte, algo que resultaba un tanto estrano. Finalmente tívolle que tocar, como tamén lle ocurriu a outros lugares como Boiro, Rianxo ou Caldas. Isto móvese por ciclos, pero creo que tamén influiu o feito de que non estabamos demasiado organizados e tivemos algunhas presións externas que non nos axudaron nada. Por exemplo, aquí exerceuse un control moi forte sobre os horarios de peche. Sabemos que a hostalería de noite xera problemas en todas partes, pero ás veces a xente só pensa no ruído e nesas cousas negativas sen percatarse de que en Pontecesures, un pobo de 3.000 habitantes, este sector xera polo menos cen postos de traballo. Ademais esta zona estivo moi descoidada e machacada, non só se fixo presión ós locais, senón tamén ós clientes, por exemplo con moitos controis da Garda Civil polos arredores.

Hai tamén unha vertente positiva da movida…

Iso é. Pontecesures debe triplicar a taxa media de establecementos hostaleiros en relación coa población. Son uns corenta os que hai na vila, polo que é unha fonte de riqueza importante e son moitas as familias que viven deste sector.

¿Cal é entón esa receita máxica para que a movida recupere o seu esplendor?

Temos que analizar entre todos que erros se cometeron para que a xente marchara para tratar de recuperar, cando menos, ós clientes da comarca e manter o noso mercado. Para logralo organizamos varias festas temáticas que resultaron ben e tódolos sábados se realizan sorteos nos que os clientes poden gañar unha noite de balde con cea e copas en tódolos locais asociados.

E para este verán, ¿cales son os proxectos?

Estamos a preparar unha festa de San Xoán, con sardiñas, churrasco e fogueira; ademáis celebraremos concertos folk, e un entroido de verán no mes de xullo polo que imos apostar forte e no que imos contar coa colaboración do Concello. Un dos proxectos máis ambiciosos e a posta en marcha dun «Noite Bus» pagado por nós coa axuda da administración local e que funcionaría nos arredores de Pontecesures. A verdade é que non nos dá tempo a facer todo o que temos en mente, porque as ideas son múltiples.

¿Contan co apoio das administracións ou reciben algunha axuda económica externa?

A asociación autofinánciase con recursos propios, aínda que tamén contamos coa colaboración dalgunhas casas comerciais. Ademáis mantivemos contactos co Concello e con tódalas forzas políticas de Pontecesures, que nos ofreceron o seu apoio total.

¿Polo de agora como está a ser o resultado?

Dende que comezamos notamos un aumento de clientes. Estamos contentos porque parece que a cousa funciona.

Diario de Arousa, 10/06/2007


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.