Anabel Gago: «Como mestra quero transmitir a mesma paixón que eu sinto pola interpretación».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

A actriz Anabel Gago, protagonista de series de televisión como «Rías Baixas» acaba de incorporarse ao Obradoiro de Teatro do concello de Valga como a nova mestra de interpretación. Con case 34 anos pode presumir de ser unha das poucas actrices galegas que conta no seu haber con dous premios de teatro «María Casares»; o que lle outorgou a Asociación de actores e actrices de Galicia en 2006 como a mellor actriz protagonista pola obra «Tío Vania», e o que recibiu no pasado 2007 á mellor actriz secundaria por «Carambola».

Xunto con Juan Ramón Castiñeiras e Begoña Piñeiro serán os tres encargados de dirixir a nova etapa do Obradoiro do Concello co obxectivo de darlle un impulso importante á escola, e que os alumnos se sintan arroupados por unha profesional da talla de Anabel Gago.

¿Que supón para unha actriz tan moza ter no seu haber dous premios María Casares?
Recibir estes premios significa ter o recoñecemento de toda a xente que eu admiraba e admiro e, a verdade, en calquera profesión é unha gratificación inmensa que a un lle recoñezan o seu traballo. Eu empecei a facer teatro afeccionado e lémbrome de estar sentada nas butacas vendo a outras actrices e dicindo que me gustaría compartir escenario con elas e, cando tiven a oportunidade de facelo, foi o máximo.

¿Como foi a súa primeira experiencia no teatro profesional?
Comecei coa obra «A ópera do patacón», que o ano pasado montei cos meus alumnos da escola de A Estrada. Era moi complicada porque son corenta escenas e eramos só catro actores. Foi estresante, porque saiamos de escena, cambiabamos o xersei, a chaqueta…e xa eramos outro persoaxe polo que tiñamos que cambiar a actitude, as voces..Desde aquela non teño ningún problema para facer os cambios rápidos no escenario. Foi unha grande experiencia.

¿Na súa faceta de directora, o feito de estar na escola de A Estrada abriulle moitos campos?
Como directora aínda estou empezando. Non podo dicir que sexa unha directora, e non me atrevo a dirixir a profesionais, porque como mestra si podo ensinar segundo a miña experiencia como actriz, intentar darlle ferramentas; pero como directora dun espectáculo non mo plantexo porque hai que empezar pola base da xente e conxugar un equipo moi grande. Polo de agora son moi modesta no tema da dirección e preocúpome máis de que os meus alumnos aprendan, que comuniquen co público.

¿Como valora a súa participación nos demáis medios audiovisuais?
Son medios distintos porque, por exemplo, non é o mesmo a experiencia do directo que actuar diante dunha cámara, No teatro hai que interpretar para todos, incluso para os que se atopan no fondo da sala, con movementos máis abertos, mentres que na televisión son movementos máis discretos.

¿Cales son os obxectivos que se marca coma mestra de interpretación en Valga?
Téñoo claro; transmitir a paixón que eu sinto por esta profesión, por un lado, e conseguir crear equipo e facer grupo, xa que isto é o teatro. Cando a xente empeza nun grupo afeccionado cre que o teatro e ler un texto, cando o importante en realidade é a linguaxe corporal, que será o que atraia ó espectador. Por este aspecto é polo que comezarei nas miñas clases, falando un pouco menos e xogando máis co corpo.

¿Que espera topar na escola valguesa?
Aínda que non o sei moi ben porque non tiven a oportunidade de coñecer ós alumnos, aínda que si sei que hai xente dende os 7 ata os 70 anos. O que quero é que todos eles aporten algo á clase, que esperten as súas formas de expresar porque todos somos creativos. O profesor o que ten que facer e quitar as silvas do camiño.

¿Que precisa un actor que parte de cero para chegar a ser profesional?
Moito traballo, Parece que non, pero hai que estudar moito. Semella que calquera o pode facer pero non é así, e no teatro aínda máis. Necesítase formación porque ao final un sempre acaba achegando o persoaxe á súa persoalidade e do que se trata realmente é de xogar a ser outras persoalidades, ser ti mesmo noutras circunstancias. Os máis pequenos están máis cerca disto mentres que os de mediana idade quizáis o teñen moito máis esquecido.

¿Como ve as novas fornadas?
Os que xa levamos máis tempo podemos perder a ilusión coa que se empeza, e os novos, quizáis pola ignorancia ou as gañas que teñen, locen moito máis. Os veteranos, por dicilo dalgún xeito, teñen que facer revivir a súa ilusión a través da xente máis moza, e estes teñen que aprender da experiencia dos que xa teñen máis camiño andado.

¿Pódese vivir da interpretación?
Do teatro sobrevívese, da televisión, entre series e programas, vívese. A televisión e moi inmediata e poucas veces tan calidade porque o tempo e ouro. No teatro hai tempo para ir profundizando non persoaxes e par traballalos máis. por iso para os actores en xeral é moito máis gratificante o teatro. Tamén o é polo contacto co público e porque pode manexar o espectáculo dende o principio ata o final.

Entrevista no suplemento «Arousa, un mar de cultura». DIARIO DE AROUSA, 20/01/08


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.