Trátase dun tren R-598 (coñécense como «os patos» pola forma dos convois de cabeza e cola) e saiu de Santiago ás 7,37 horas, parou en Padrón ás 7,56, pero descarrilou a uns 25 metros da estación de Pontecesures (nin sequera chegou a cabeza ó andén).
No tren ían 29 pasaxeiros máis o interventor e o maquinista e non houbo dano algún para ninguén. Despois da consulta a todos eles, decidiron esperar dentro dos vagóns uns 50 minutos ata que foron recollidos polo seguinte tren. Esperando na estación de Pontecesures, para ir cara a Vilagarcía ou a Vigo, había unhas catro ou cinco persoas.
O tren descarrilado, sen apenas danos aparentes, permanece na zona da vía entre a Estación e o paso que vai por baixo da Estrada Nacional N-550, e o tráfico ferroviario funciona con normalidade xa que o descarrilamento afectou só a unha das vías continuando a outra expedita.
Por parte de ADIF estánse a recoller todo tipo de datos para coñecer as causas do accidente e vai ser necesaria a utilización de grúas para retirar os vagóns durante todo o día de hoxe.
LUIS ANGEL SABARIZ ROLÁN