Adriana Rivas: «A gaita é como unha prolongación do meu corpo, é a miña gran paixón»

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Entrevista de Lidia M. Gallas Otero no suplemento do DIARIO DE AROUSA do 13/04/08 «Arousa, un mar de cultura», a Adriana Rivas Seijo, gaiteira de Pontecesures, que ven de conseguir o segundo premio nun concurso celebrado en Arteixo.

Aos seus 16 anos, a cesureña Adriana Rivas Seijo ten moi claro que o seu é a música, pero especialmente a gaita, e tamén quere adicarse profesionalmente á música, como mestra desta materia xa que isto permitiríalle ter tempo libre para poder adicarllo á gaita e a tocar coa súa xente.
Nestes momentos ten un único referente no mundo da música tradicional, o seu mestre Miguel Castaño, a quen admira ante todo e con quen ten unha enorme complicidade á hora de poñerse a tocar xuntos. De feito, foi el quen a animou a presentarse a concursos de música tradicional onde está a colleitar éxitos importantes; de feito a pasada semana conseguiu o 2º premio no concurso de gaiteiros solistas que organizou a agrupación «Xiradela» de Arteixo.

¿Como foron os seus inicios coa gaita?.
Empecei sendo moi cativa, con tan só 6 aniños, e foi coa frauta; dous anos despois, cando tiña 8, foi cando collín a gaita por primeira vez e xa non a soltei ata agora. Comecei no grupo «Algueirada» de aquí de Pontecesures, con Luis, e logo, houbo algún tempo que alternaba nas dúas formacións folclóricas do concello. Agora por motivos de estudos, tívenme que decidir por un e quedei onde vía que aprendía máis.

¿Por que decidiui presentarse aos concursos de música tradicional?
Foi o meu profesor, Miguel, quen me animou a presentarme a este tipo de eventos. Cando mo comentou a primeira vez, creo que pensou que lle ía dicir que non pero a miña reacción fo¡ todo o contrario; díxenlle que si sen pensalo dúas veces. De feito, non teño nada que perder xa que son a pequena, máis ben todo o contrario xa que estou coñecendo a moitísima xente.

¿Que recordos garda dos distintos certames aos que concorreu como solista?.
Son como soños. A semana seguinte de acodir a calquera certame todo son felicitacións e boas vibracións da xente que me coñece, isto sempre o terei moi presente; igual que o meu profesor Miguel, que é un superprofesor para mín. El ensinoume a desfrutar las actuacións, xa que así vai saír todo ben, hai que tira para adiante.

¿Como vive vostede estas experiencias a nivel persoal?.
Eu desfruto motísimo e pásoo de marabilla, Todos os que alí nos xuntamos apoiámonos moito uns a outros. Á marxe dos premios, soe haber moi bo ambiente.

A hora de prepararse para os certames, ¿Como o fai?, ¿Como selecciona os temas que vai interpretar?.
Para prepararse fan falta gañas e moitas horas de ensaio, moitas. Ademáis, e sei que me repito, débolle moito dese traballo ao meu mestra, xa que sacamos horas para ensaiar o máximo posible. En canto ás pezas, sempre tratamos de buscar pezas que non soen habitualmente nos certames; hai que buscar moito debaixo das pedras e logo tocalas para poder facer cambios nelas ou non, aínda que tamén hai que mirar a dificultade que presenta posto que ese é un criterio que ten moi en conta o xurado.

? marxe das clases de gaita no seu grupo, ¿Recibe algún outro tipo de formación musical?.
Nestes momentos estou asistindo a clases de solfeo na Escola de Música do Concello de Valga para poder acceder ao conservatorio e cursar o grao medio de gaita; non sei se o farei en Vigo ou en Vilagarcía, pero ese é o meu desexo e con ese afán me estou a preparar xa que aukero coñecer ben o instrumento. De momento, só quero estudar gaita aínda que non descarto adentrarme noutros instrumentos, pero máis adiante.

¿Cales son as metas que se marca dentro deste mundo?
Como a todo o mundo, gustaríame poder chegar a editar un disco, colaborar con xente e grupos importantes, ir tocar co meu profesor e o seu irmán por aí, participar en máis concursos…en definitiva, tirar da música galega para que sexa máis recoñecida xa que coa gaita pódese facer de todo. Tamén supoño que máis adiante aprenderei a tocar máis instrumentos e, cando sexa maior, tentarei seguir polo camiño da música porque quero ser mestra de educación musical porque este traballo permitiríame tocar a gaita no meu tempo de lecer.

Acaba de dicir que coa gaita se pode facer de todo, ¿Que foi o que a fixo chorar ou rir?
Hai unha peza que é unha pasada e que se chama «Vida leda a do gaiteiro», que parece unha peza feita a propósito para a gaita xa que parece incrible que poida facer eses son s tan bonitas; é un tema que transmite moitísimo. Este foi un dos temas co que gañei no «Noitébrega» e que, logo de moito esforzo, ao final conseguín que me saira.

Se lle pregunto a quen admira creo que o deixou bastante claro, ¿non?, ¿? o seu mestre un piar fundamental na súa carreira?
Por suposto, Miguel Castaño, para min é o meu referente. Pero tamén hai xente moi boa. como Daniel Bellón, Edelmiro Fernández…que sempre che axuda, pero o profe é o profe. A primeira vez que o vin tocar, púxoseme a pel de galiña e decateime de que tiña unha xoia de mestre, ademais dunha grande persoa, xa que está aí cando ten o preciso. Temos tanta complicidade que nalgunhas ocasións xa nin temos que afinar a gaita porque tocamos practicamente do mesmo xeito.

¿Como levan os ensaios na súa casa?
Teño sorte, tanto coa familia como cos veciños xa que nunca me deron unha queixa, aínda que algunhas veces estivera ensaiando ata as 12 da noite e tamén durante varias horas. A xente de San Xulián xa sabe cando toco porque saio ó balcón, sobre todo no verán.

¿Considérase unha virtuosa da gaita?
Non o sei, iso non o teño que dicir eu, pero para min é unha prolongación do meu corpo; é a miña paixón.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.