O Santiaguiño do Monte en Padrón.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Tempos de mudar. Atrás soan campás de alalás e berros de ancestrais patrias que se converteron da noite para a mañá ,en realidades de afirmacións da lingua e costumes. Aderezos sine die materializados no monte San Gregorio, a capela e fonte artellada polo báculo do Santo Apóstolo a carón da Raíña Lupa. Visitantes senlleiros, a xeito de peregrinos, con bordóns, cunchas e sandalias de coiro arrescendendo polas escaleiras, entre viacruces na pedra do Convento dominico e cheiro pulcro das mimosas amarelas, que actúan de acólitos, para erguer o Santo do altar baixo o Pedrón parroquial.
Bispos, cóengos e cregos dan vida no tempo ó ideario relixioso que se mesturan noutra vertente nunha festa folclórica, de gaitas e ferreñas, empanadas de millo e viños do país, tintos e brancos. No relembro dos recordos, o Arcebispo Martín de Herrera, os párrocos José María Meléndez, Don Nicolás e Don Celestino, Couto Anido, ou por outras bandas Octavio Sanmartín, irmáns Rodríguez, Blanquito, Ramón Rey e tantos anónimos que xunto co pobo padronés, e axuda das institucións, termaron uns vimbios pra facer uns cestos que acurruchen unha sobranceira parte da cultura local .
Velaí unha andaina de luces e sombras que na década dos sesenta tivera unha visión de futuro, onde se espallaban ós catro ventos, amén do galego, en castelán, inglés e francés nun libriño de distribución gratuíta. Aínda máis, homilías como as do franciscano Padre Isorna, onde se vislumbraban os problemas sociais e de traballo e mesmamente sen prebendas, a desempoar actuacións teatrais como Os vellos non deben namorarse, e grupos corais como o orfeón Terra Nosa e os cantores de Poio. Eran e son uns xermolos carismáticos que na vila da ponliña verde endexamais deben desaparecer. Porque como aseveraba o historiador Antón Fraguas, soamentes hai un único Santiaguiño do Monte en Galicia, e atópase en Padrón.

Columna «Dende o Espolón» de Masito Beiró, pintor e escritor de Padrón
TIERRAS DE SANTIAGO, 05/08/08


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.