O Náutico de Pontecesures recibe 2.000 euros da Xunta para adquisición de canoas e kaiaks.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Clubs e concellos da zona reciben da Xunta 100.000 euros para material e infraestructuras
A Concellería de Cultura e de Deporte da Xunta de Galicia vén de anunciar a distribución das súas axudas anuais a clubs e concellos para equipamentos e infraestructuras deportivas. Partidas que na provincia de Pontevedra suman case un millón de euros, dos cales 100.000 irán parar a Arousa e o Baixo Ulla.
Por Concellos, o de A Illa de Arousa é o máis beneficiado, cun total de 26.000 euros para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo. Dez mil este ano e 16.000 no 2009. O de Vilagarcía recibíu 22.000 euros (10.000+12.000) para o acondicionamento do pavillón de carril. Ao Concello de Catoira concedéronselle 12.500 euros para a adquisición de equipamento deportivo para o club de piragüismo, 10.000 ao do Grove para a compra de canastras de baloncesto e material de ximnasio, e 1.000 á administración local de Vilanova para a adquisición de taboleiros de baloncesto.
Catorce clubs na lista
No capítulo de clubs, son catorce as entidades deportivas da zona beneficiadas, sendo o Club de Remo Mecos o mellor parado cunha axuda de 5.000 euros para o arranxo do foxo de remo das súas instalacións.
O As Torres ingresará 4.000 euros para melloras no seu ximnasio e a renovación de barcos, que unidos á subvención do Concello, elevan a 16.500 os euros destinados polo departamento autonómico de Deportes ao piragüismo catoirense.
A Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa terá 3.500 euros para a adquisición de dúas dornas polbeiras e dúas velas, e cinco clubs recibirán 2.000 euros cada un: a Asociación Deportiva Corón, para a instalación de iluminación no seu campo de fútbol; o Breogán do Grove, para a compra dunha zodiac con motor; o Náutico Pontecesures, para a adquisición de canoas e kaiaks; o C.R. Vilaxoán, que mercará co diñeiro unha traineiriña; e o Piragüismo Illa De Arousa, para a compra dun remolque e estanterías para as piraguas.
A asociación Fasquía da Illa (1.500 euros), o Piragüismo Cambados (1.500), o Cambados Tenis de Mesa (1.000), o Ribadumia Tenis de Mesa (800), o Pérez Sub de Vilagarcía (600) e o Xadrez Fontecarmoa (500) completan a nómina.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.