Iolanda Eiras: «Quero que os nenos coñezan outros estilos de música, non só o da televisión».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

yolanda

A directora do coro «A Barcarola» de Pontecesures, acaba de publicar o seu primeiro libro de contos que se titula «Baldras, o xigante».

Iolanda Eiras, a actual directora do coro «A Barcarola», de Pontecesures dende hai aproximadamente cinco anos, acaba de sacar á luz o seu primeiro libro de contos para nenos e que leva por título «Baldras, o xigante».

Nacida no concello de Dodro, aínda que con raíces no municipio cesureño, xa que o seu pais é un coñecido veciño da vila, Iolanda cursou estudos de Maxisterio, na especialidade de Educación Musical. Na actualidade, imparte «Pedagoxía Musical» todas as tardes no colexio Pio XII de Santiago, actividade que compaxina perfectamente coa dirección de tres coros ben diferentes, xa que ten a batuta dun grupo de nenos de Herbogo, no concello de Rois, e outro na cidade do Apóstolo.

Á marxe da dirección e da actividade musical, Iolanda acaba de publicar un conto dirixido aos nenos que leva por título «Baldras, o xigante», que, á marxe do relato, leva incluído un disco no que a propia actora le o conto, acompañada polos nenos do coro santiagués e pola Banda Artística de Merza que é a que lle pon música a todo o relato e tamén a súa banda sonora.

A obra xa está nas librarías aínda que a súa presentación oficial será o vindeiro martes, cinco de maio, na Alameda de Santiago, coincidindo coa celebración dunha feira de libros na cidade do Apóstolo.

¿Quen é Baldras, o protagonista do libro?

Baldras realmente é un tio avó meu que foi músico, tocou a tuba, e o bombo; está claro que no conto non é o meu tio avó porque é un xigante, pero si que me inspirei nel xa que todo isto da música das bandas é tradicional en Galicia, e apetecíame moito facer isto e achegalo aos nenos e nenas porque é evidente que están moi levados polos medios de comunicación, as músicas que se escoitan non son as que se oían antes: é un pouco recuperar ese contacto coa música das aldeas, os pasarrúas, as bandas…E ese é Baldras.

¿Foi ese o motivo polo que quixo contar cunha das bandas galegas de maios prestixio, a Banda Artística de Merza?

Si. O que me interesa é que nenos, que é co que eu traballo, coñezan un pouco os diferentes estilos de música e non só o que lles oferta a televisión ou noutros medios e que logo decidan que é o que lles gusta. Para min a banda é algo que está moi apegado, de feito, estudei música clásica, polo que o levas dentro, no teu sangue.

¿Como xorde entón a historia de «Baldras, o xigante»?

Pois un día, para explicárlleles aos nenos as diferenzas nas calidades do son, ocorréuseme unha canción e vexo que para os máis pequenos é complicado memorizar un texto pero a melodía non; neste caso, optei por inventar un conto, e saíume, e vin que os nenos lles gustaba e daba resultado, e despois dese saíu outro e outro….Ao final animeime e decidinme a presentalo á editorial e aquí está. En canto ao protagonista da historia, Baldras, xa non só o aspecto musical, é un xigante que ten unha cualidade ou diferenza que ven os demais que é que el é moi grande pero a súa voz é moi fina, aínda que el é moi grande; tratei que a moralexa nas diferenzas non sexan barreiras nin límites para relacionarnos cos demais senón que unha diferenza pode perfectamente seren algo positivo e non negativo, e que non porque sexamos diferentes iso impida as relacións. Polo tanto, Baldras é diferente aos ollos dos demais, pero aos dun neno non porque somos os adultos os que facemos as diferenzas.

Pero este non é o único conto que ten escrito, ¿vai publicalos ou serán só material para as súas clases?

Non o sei. En principio para min o máis importante é que Baldras chegue aos cativos e que lles guste. Sinceramente estaría ben que o conto tivese unha boa repercusión de vendas pero o máis importante é que a quen chegue lle guste e lle transmita algo. Cos outros contos non sei, o único que teño claro é que sigan levando o que é a música xa que o conto nace despois da música, que é o que eu levo dentro.

¿E como xorde a idea de publicar o libro: Acudiu vostede á editorial ou foron eles os que descobriron o seu traballo grazas ás súas actividades?

Non, non foi así. A verdade é que tiven moita sorte. Eu tiña este conto e a xente dicíame porque non o escribía e o publicaba. Coñezo a una persoa, Fran Bueno, que é quen ilustra o conto, gústalle e el foi o que me deu o último empurrón posto que me levou á editorial, Xerais de Galicia, presentámonos alí e xa non houbo máis que facer; ao cabo de cinco ou seis meses aprobaron o proxecto e para adiante. Dende ese momento a ata o de agora pasou xa máis dun ano e ao levar un CD, máis aínda xa que hai que gravar, facer as mesturas…Neste caso tamén hai unha música que é orixinal nosa polo que hai que contar cunha banda, neste caso, a de Merza, as voces, e iso non é doado.

O libro vén cun disco no que, á marxe de gozar coa lectura e coas ilustracións de Bueno, os nenos tamén poden escoitar o conto, ¿como xurdiu a idea de incluir o disco co libro?

Eu fíxeno pensando sobre todo nos nenos de Infantil, que non saben ler, e así o poden escoitar, e tamén naqueles que teñen outras dificultades, como a dunha alumna que teño, que é cega. A miña intención é que a música estea ao alcance de todos e con esta intención fixen o conta.

Vostede traballa moito cos nenos pero na actualidade está a dirixir un coro de adultos, A Barcarola, en Pontecesures, ¿como chegou a el?

Foi unha cousa que ao principio non me atrevía a facer porque sempre traballei con cativos e os adultos asustábanme un pouco pero estou encantadísima. Empecei hai uns cinco anos e estou encantada porque comezaron sendo só mulleres e agora somos mulleres e homes, dos que recibo moito afecto e onde hai moi bo ambiente e estou moi contenta porque vexo que cada vez o fan mellor.

Entrevista en «Arousa, un mar de cultura». DIARIO DE AROUSA, 26/04/09


1 comentario

MCE · 29-04-2009 a las 22:12

Yolanda sigue así de artista!!

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.