O trigo e o millo xa medran no Pradiño.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

A sementeira tivo lugar durante a mañá nunha parcela do lugar de Loncras, en Ferreirós.

Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a finca O Pradiño, de Loncras, reuniu onte a ducias de nenos e maiores de Valga para participar na sementeira, coa que se da inicio ao III Festival Interxeracional. Con esta iniciativa o Concello pretende pór en valor o seu patrimonio inmaterial e, ao mesmo tempo, recuperar algunhas das tradicións agrarias da localidade. Integrantes da asociación de maiores Axentiva, a de discapacitados Asmivalu, usuarios do Centro de Día e uns setenta nenos dos colexios de Baño e Cordeiro participaron na actividade, que contou coa animación das pandereteiras de Moldes. A recompensa tralo traballo foi unha opípara merenda a base de produtos da terra.

As vacas Gallarda e Roxa foron as máis madrugadoras e ás sete da mañá xa estaban na finca O Pradiño, de Loncras (Ferreirós) para comezar a tirar do arado de pao e gradar o terreo. As dúas rubias galegas atenderon as ordes do seu amo, ??o ferreiro de Senín?, e abriron os regos na terra e xa tiñan case todo preparado cando chegaron, arredor das once da mañá, integrantes da asociación de maiores, usuarios do Centro de Día e uns setenta escolares dos colexios de Baño e Cordeiro dispostos a sementar, pero seguindo as vellas tradicións agrícolas de Valga e sen botar man de maquinaria en ningún momento.
Os maiores levaron a iniciativa e botáronse á leira con enerxía para ensinar aos máis mozos como se plantaban antano estes cereais. Os nenos pronto se animaron e puxeron o seu grao de area na actividade. Nesta terceira edición do Festival Interxeracional a principal novidade foi a introducción dun novo cereal: o millo. Nas dúas ocasións anteriores unicamente sementaran trigo, pero este ano os organizadores apostaron por ampliar a oferta de actividades e introducir un novo cultivo. O obxectivo é tamén recuperar parte da cultura asociada, como cantigas sobre o millo e outras composicións tradicionais.

A algúns veciños parece que lles gustou a idea de diversificar: ??a ver se despois fan algunha empanada de millo, que che me gusta bastante máis que a de trigo?, comentaba unha muller. Porque o Festival Interxeracional non rematou coa sementeira, senón que nos vindeiros meses celebraranse a recolleita, a malla e a moenda dos cereais, para concluír cun serán no que se degustarán produtos ­pan, empanadas, doces…­ feitos co trigo e o millo colleitados.

O proceso explícao unha das participantes, Albina Rodríguez, que recorda á perfección como se traballaba a terra antano: despois de estender esterco para abonar o terreo, labrábase a leira para, a continuación, ??gradar? a parcela. ??As vacas facían o rego e a xente tapaba a semente e aló polos meses de agosto ou setembro recollíase o trigo e atábase en monllos para estendelo ao sol e deixalo secar ata a malla?, lembra Albina.

A xornada de onte estivo animada pola música e as cancións das pandereteiras de Moldes: Maruja, Olga, Nela e Esther, ás que acompañaron varias nenas do colexio Ferro Couselo. E para rematar, nada mellor que unha recompensa polo traballo ben feito en forma de merenda. Nenos e maiores ??puxéronse as botas? a base de chourizos, pan de millo, bolas de pan de trigo, sardiñas e queixo da terra, todo regado por viño do país.

E así, coa barriga chea, marcharon todos do Pradiño, a onde voltarán cara finais do verán para comprobar se o trigo e o millo medraron e proceder á súa recolección. Mentras, non queda máis que agardar que a climatoloxía sexa favorable e non chova en exceso nos vindeiros meses, e tamén que os paxaros sexan respectousos coa colleita xa que, polo momento, espantallo non hai.

DIARIO DE AROUSA, 08/05/09


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.