Aquí Radio Valga! Cumprimos dez anos. II parte.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

O domingo pasado falaba do inicio das emisións de Radio Valga, o 15 de maio de 1999 e que ás 11 da mañá do 7 de agosto dese mesmo ano regresaba ás ondas, pero en Radio Valga, despois de estar na radio do instituto Camilo José Cela de Padrón , o lendario programa «Maquinillos no Horizonte», copresentado e codirixido por Chema Aboy e por quen lles escribe estes parágrafos. «Maquinillos no Horizonte» fora o primeiro programa da emisora que tiña chamadas en directo e que era bastante máis moderado, nas súas formas, ó que faciamos no instituto. A parte das trangalladas, imitacións, desmadres e a musica habitual da orquestra «Los Satélites», «Beeges», «Modern Talking», «Los Metálicos», «A Roda», «Ana Kiro», «Heredeiros da Crus»…Chema falara aos oíntes da vida e costumes do escarabello peloteiro, xa que de animais Chema é un bo coñecedor, e eu falei dun importante eclipse de Sol que ía acontecer nesa semana e da morte, nun tiroteo coa policía, do verdadeiro Cocodrilo Dandee, persoeiro coa que se inspiraran, en parte, para a realización da película australiana do mesmo nome. E claro está, non podían faltar o anuncio das festas dos Dessamparados da Devesa, as de San Lourenzo e San Bertomeu de Seira, e as de Ssanta Baia de Oeste e a do Pemento de Herbón, que ese día se celebraba. Hai que dicir que para dar conta dos programas festeiros, eu que andaba todos os días en bicicleta, levaba na carteira das ferramentas unha libretiña que servía para apuntar as orquestras e as festas que estaban anunciadas nos carteis postos nos carballos, nas paradas do coche de liña e nos bares.
Os sábados pola maña eran moi intensos, coa emisión de varios progrmas diferentes coma era o caso de «Polisón», no que Ã?scar Cereijo (Noise Project) daba a coñecer aos oíntes grupos de música alternativa e independente, tamén rapaces coma Ignacio, os irmáns Lois facían aportacións…e que me perdonen outros que estiveron, por non lembrarme dos sesus nomes neste momento. Tamén estes programas gravábanse á súa vez en cinta, coa finalidae de voltar a repetilos durante a semana, e iso era ás veces simpático e incrible, porque resultaba estrano escoitarte pola radio estando na casa, e á vez simpático, porque as veces os veciños e amigos víante pola rúa, mentres radiofusionaban o noso programa, e mirábante sorprendido, preguntándome como era posible que estivera andando por alí, si me estaban a escoitar nese mesmo intre.
Sin embargo, a pesar do «éxito», «Maquinillos no Horizonte», tivo unha vida moi efímera na nova emisora, e durou un mes, e as causas disto, de momento, son segredo de Estado. Mentres os demais programas continuaron un pouco máis de tempo, colaboradores coma Miguel Lois e �scar Cereijo tamén se adicaron a presentar un programa de deportes, que tiña coma sintonía o coñecido tema «Sussudio» de Phil Collins. Durante estes primeiros anos tamén destacarían as colaboracións de Marisa Castiñeiras sobre o mundo do cine e os estreos, nun espazo dentro de «A Nosa Mañá» da directora Teté Rocamonde. Con todas estas bases a emisora iria pouquiño a pouquiño dándose a coñecer á audiencia, que daquela non era moita. Entre as causas disto estaba a pouca cobertura que tiñamos. Daquela as nosas ondas recibíanse con dificultade, coma moi lonxe, ata Lestrove ou Iria, e non existía cobertura total no territorio do Concello de Valga, xa que no Pino ou en Cerneira, debido ás interferencias doutra emisora, xa non nos podían ouvir.
Pasado un ano, no mes de xuño de 2000, comeza a traballar o gran experto en deportes, especialmente apaixoado co fútbol, Héctor Bermúdez, presentando en horario de 13:30 a 14 horas o programa «O teu deportivo», e logo polas tardes «Moito máis que música», progama que hoxe aínda segue en antena de forma continuada dende aquela, da man da mesma persoa. Tamén pola mesma época chega Rosa Bandín, que copresentará «A Nosa Mañá», con Teté Rocamonde. Polo tanto en 2000 a plantilla da emisora era xas de tres persoas, sen contar cos colaboradores, do que un servidor formaba parte, presentando o musical e de festas «O Expreso das 4.30», mentres outros colaboradores realizaban o programa de música dance «Discorava». Facendo así un rápìdo repaso, salientamos que entre os anos 2001 e 2002 estivo traballando coma locutora procedente de Tele Salnés, a polifacética Silvia Cerneira, deixando a emisora para participar na 1ª edición do concurso «O Rei da Comedia» na TVG. En 2002 outra muller, Lidia Gallas, entra en Radio Valga, continuando na actualidade en «A Nosa Maña». A principios de 2003 Teté Rocamonde deixa Radio Valga para se incorporar coma presentadora a Tele Salnés, polo que a dirección pasa a mans de Hector Bermúdez que será o encargado de capitanear os destinos da emisora ata os nosos días, ó tempo que a radio ía tomando cada día máis solidez, ata converterse nun referente indiscutible e líder de audiencia nos concellos de Valga, Pontecesures, Padrón, Dodro, Rois…así coma contar con oíntes espallados polos concellos de Rianxo, Catoira, Ames, Brión, Negreira, A Baña, Teo, Caldas, Cuntis, Val do Dubra…Para que estes logros foran posibles, a parte de dispoñer dunha programación moi aberta á participación dos oíntes, cabe salientar as melloras técnicas, como a posta en marcha do reemisor do monte Albor a finais de 2003, aumentando notablemente a cobertura así coma a introducción de ordenadores e unha nova mesa de son nos estudios.
Tamén destacar, si nos recordo mal, que a partires de 2004, por iniciativa dos nosos oíntes, comezaron as tradicionais ceas-festas da audiencia de Radio Valga, que comezaron cunhas 90 persoas atas as 500 na actualidade. Do mesmo xeito tiveron éxito as festas campestres, que tiveron lugar polo mes de San Xoán no Parque Irmáns Dios Mosquera de Valga, que reuniron, en varias ocaisóns, un bo número de oíntes para comer pulpo e churrasco na carpa do pulpeiro Lito Mambís, completado co disfrute de diversas actividades lúdicas, coma xogos tradicionais e actuacións musicais.
Con iste pequeno resumo, quixen lembrar e dar a coñecer como foi o inicio da emisora, xa fai 10 anos, porque contar despois as cousas salientables que ocorriron nos nove anos seguintes sería materia non só de máis artigos senón xa de un libro. E dende aquí dar as grazas a todos os oíntes, casas comerciais e ó Excelentísimo Concello de Valga, que confiaron sempre nesta emisora, na emisora de todos vós, porque nós sen vós non imos a ningures, esperando estar moitos anos máis ó voso carón, compartindo música, ilusións, compaña, chamadas, opinións, amizade, Grazas.

Artigo de Daniel Seijas Llerena
«Arousa, un mar de cultura». DIARIO DE AROUSA, 07/06/09


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.