Carta aberta do alcalde de Padrón.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Ante acontecementos e rumores

Ante os acontecementos e todo tipo de rumores xurdidos nos últimos días e dos que se fixeron eco os distintos medios de comunicación, quero manifestar:

1º O martes 3 de novembro de 2009, o sr. tenente de alcalde presenta por rexistro un escrito no que por un lado «presenta a renuncia do cargo de tte. de alcalde, concelleiro delegado de tódalas áreas» e por outro solicita «Lle sexa concedida a citada RENUNCIA, manifestando estar disposto a seguir formando parte do goberno como concelleiro, sen ningunha área delegada e sen dedicación exclusiva».

2º Este feito ocorre cando nos atopabamos nunha xunta de goberno local que o tenente de alcalde abandona, sen ter comentado con ninguén unha decisión deste calibre. Este feito sorprendeunos a todos pois se estamos nun goberno, entendo, que se xorde algún problema a solución tena que buscar o propio goberno e non trasladalo aos cidadáns que o que esperan é que nós lles solucionemos os seus.

3º Estivemos en contacto e mantivemos unha reunión para valorar as consecuencias da presentación do escrito e do que el chama «motivos técnicos administrativos».

4º O xoves 5 de novembro salta esta noticia á prensa, fun chamado por varios medios e en ningún momento, por responsabilidade política, manifestei ningunha opinión limitándome a dicir o que o propio tenente de alcalde me dixo e máis tarde manifestou publicamente, «o pacto non se rompe».

5º O alcalde de Padrón non comparte en absoluto as formas nin as manifestacións vertidas polo tenente de alcalde, nun xornal e nun blog, e ten moi claro que aos problemas internos temos que darlles solución internamente a través do diálogo e da negociación.

6º O alcalde de Padrón tivo unha reunión cos funcionarios e estivo de acordo en abrir unha investigación para esclarecer quen filtrou á prensa o tema da renuncia.

7º Quero deixar claro que no que levamos de mandato, as relacións dos dous grupos de goberno son normais, polo que é difícil de entender esta reacción do sr. tenente de alcalde.

8º En todo momento a discreción, a responsabilidade, a transparencia e o traballo honesto foron a miña guía, Padrón e os intereses dos padroneses e padronesas están por riba de todo, as miñas actuacións están aí e creo que nunca antepuxen nada de carácter persoal ou partidista aos intereses de Padrón. Aproveito para agradecerlles a tódolos padroneses a paciencia e a comprensión lamentando profundamente que se dese esta situación de incerteza e desasosego.

Camilo Forján, alcalde de Padrón e os concelleiros do seu grupo farán, como ata o de agora, o imposible por manter un goberno estable, con ou sen Eloy Rodríguez Carbia. A decisión de renunciar só é competencia da persoa que a fai, que renuncia, nin este alcalde ni ningún alcalde pode conceder renuncias tal e como se contempla na lexislación que rexe o funcionamento dos concellos, ROF. Grazas a todos e a todas e atoparanme, coma sempre, á súa disposición no Concello.

EL CORREO GALLEGO, 19/11/09


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.