Manolo Isorna: «A prevención pasa por reducir a demanda de droga, e tamén a oferta».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Isorna

Coordinador do programa de prevención das drogodependencias nos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rois e Valga.

Doutor en Psicoloxía, valora positivamente o traballo feito nestes anos para previr o consumo pese ao «fácil e barato» que é conseguir estupefacientes, segundo advirte

Dende outubro de 1996, os concellos do Sar e do Baixo Ulla traballan xuntos para financiar, co apoio da Xunta, un programa pioneiro para previr o consumo de drogas e fomentar hábitos de vida saudables entre a súa poboación, con sede no municipio de Catoira. Transcorreu tempo suficiente como para que o coordinador do plan, Manuel Isorna Folgar (Catoira, 1969), doutor en Psicoloxía, máster en prevención pola Universidade de Santiago e profesor asociado da de Vigo, aporte unha valoración do traballo e dos resultados.
-¿Cal é a valoración?
-Positiva. O que conseguimos nestes anos é de admirar e así o demostra que é un programa de referencia, dentro e fóra de Galicia. Acabo de impartir unha conferencia para a consellería de Sanidade de Cataluña e en breve irei a Córdoba. Isto indica que estamos a facer as cousas relativamente ben e, ademais, ao amparo de métodos científicos.
-¿E que di dos resultados?
-Hai que valoralos dende varios puntos de vista. Por un lado o impacto, é dicir, o número de persoas que acaban formándose e neste sentido chegamos ao 100% de alumnos e de pais. Todas as actividades chegan a todos os centros educativos dos seis concellos, dende nivel Infantil a Secundaria. Por outro lado, tamén valoramos se realmente conseguimos o obxectivo inicial de reducir o consumo de drogas e tres evaluacións externas, feitas pola Universidade de Santiago, así o indican polo que podemos asegurar que os mozos das dúas comarcas consumen menos drogas, fuman menos e se emborrachan menos. A nivel de pais, o 100% ten información do que se esta a facer. Pero o éxito tamén se debe en gran medida a involucración do profesorado, que colabora e cede as súa horas para que poidamos impartir entre 8 e 10 sesións anuais en todos os cursos, dende quinto de Primaria a cuarto de Secundaria. O seu apoio é clave, xunto co das traballadoras sociais, as educadoras familiares e os Concellos, que apostan fortemente pola prevención.
-¿Como xurdiu este programa?
-Foi en 1996, debido a alarma social xerada polo consumo de heroína. Dende os Concellos, as traballadoras sociais apuntaron a necesidade de tomar medidas e, co apoio do antigo comisionado do Plan Galicia sobre Drogas, déronse os primeiros pasos porque a clave está na prevención.
-O seu traballo desenvólvese practicamente nas aulas. ¿Os estudantes de hoxe en día quedarán asociados ao botellón?
-Moitos si, lamentablemente, Non teñen culpa de nada pero son vítimas dun sistema que practicamente normativiza o consumo de drogas e hai moito que facer. A prevención non só é redución do consumo, da demanda, senón tamén da oferta e aí é onde estamos fallando polo que programas eficaces como este non acaban sendo eficientes de todo porque é fácil e moi barato acceder as drogas. ? necesario que as autoridades se tomen en serio a loita para reducir a oferta porque temos a droga máis barata de Europa. Se houbera unha redución da oferta, o efecto do noso traballo multiplicaríase por dous ou tres. Por iso, debemos conseguir que o acceso a droga sexa máis complicado».
-Os pais, ¿participan activamente no programa?
-Ese é, quizais, un dos problemas que temos pese a que tamén é unha das clave da prevención. O éxito do programa pasa porque o traballo da aula sexa complementado e ratificado polos pais no ámbito da casa.

LA VOZ DE GALICIA, 06/12/09


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.