Premio para a Banda de Valga no Certame de Santiago.
Apenas conta con dez anos de vida pero este non é nin moito menos o seu primeiro premio, senón que a súa curta pero gran traxectoria xa está avalada por utors galardóns previos, entre eles o logrado este mesmo ano no Certame Zonal de Bandas, onde acadou o primeiro posto. Tamén foron os mellores os músicos valgueses o domingo no Certame Galego de Santiago. Acadaron o máximo galardón na Sección Primeira (de 70 a 80 músicos) cun repertorio formado por un pasodoble inicial de presentación que non puntuaba, a peza «Irmandiños» de Juan Fernández Guzmán e a obra de libre elección «Marco Polo e a ruta da seda», da que o director, Manuel Villar, comenta que «é eminentemente descriptiva da viaxe de Marco Polo cara a Oriente». Para conseguir un resultado óptimo, a agrupación tivo que utilizar «unha serie de instrumentos étnicos que non tiñamos», así como outros de percusión e vento e aí foi onde a banda logrou a apoio máximo do concello que invirteu varios miles de euros na adquisición dese material. O esforzo non foi en vano xa que serviron para sumar un novo éxito ao historial da banda de Valga.
Os seus integrantes comezaron a traballar nesta peza inspirada en Marco Polo no verán, durante a campaña musical que realizaron en Badaxoz. «Aí foi onde se fixo o traballo duro, para descifrar a partitura e que os rapaces comezaran a interpretala» explica Manuel Villar, que asegura que o primeiro posto no Certame Galego de Bandas «é para nós un agasallo, un premio ao esforzo a ao traballo, e sobre todo, á calidade que estamos a conseguir na Escola de Música Municipal». Non se esquece o director da importancia que ten tamén a tarefa da equipa de profesores, o factor humano e a responsabilidade «de todos»: pais, alumnos e de propio concello «que sempre nos apoia».
Alude tamén á xuventude da banda, que se creou hai dez anos. Poucos poderían pensar entón que chegaría a acadar este nivel. «Para nós, como banda xove que somos é un orgullo e unha enorme responsabilidade que nos dean este premio. Se botamos a vista atrás, non hai bandas deste calibre e con tan poucos anos de vida que leven gañado tantos premios». Porque non é a primeira vez que esta agrupación consegue un éxito no Certame Galego de Bandas, xa que hai dous anos conseguiu o primeiro premio na Sección Segunda.
«Arousa, un mar de cultura». DIARIO DE AROUSA, 06/12/09
0 comentarios