O SERGAS prevé para xaneiro a adscrición de Cesures e Valga á Area Sanitaria de Santiago.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

O goberno cesureño dirixíuse á conselleira de Sanidade para esixirlle a petición doutro doutor

Os concellos de Valga e de Pontecesures recibiron na mañá de onte a visita do xerente da Área de Atención Primaria de Pontevedra, Manuel Castro Pazos, e do seu homólogo na Área de Atención Sanitaria de Santiago de Compostela, Manuel Ventosa Rial. Este último, pendente da inminente oficialización dun departamento de recente creación, no que se agruparán os servizos hospitalarios e de atención primaria da zona de Compostela e influenza.
A visita dos directivos do Sergas non era casual. Tratábase dun encontro institucional, no que Castro Pazos presentoulles aos profesionais dos centros de saúde e alcaldes das dúas localidades do Baixo Ulla a persoa que dirixirá a política de asistencia sanitaria de Valga e de Pontecesures tras a adscrición de ambos municipios á nova Área de Atención Sanitaria de Santiago. Castro desvelou onte que as previsión do Sergas pasan por oficializar o cambio en xaneiro do 2011.
O que aparenta ser unha medida administrativa, que persegue racionalizar unha situación estraña na que Cesures e Valga dependían a nivel hospitalario de Santiago mentres a nivel de atención primaria o facían de Pontevedra, promete mellorar tamén a atención dos usuarios do servizo.
Neste sentido, o xerente de Atención Primaria de Pontevedra explicaba onte que os cesureños e valgueses se poderán aproveitar das melloras de pertencer a un área pioneira, que ao xuntar nun mesmo departamento primaria e hospitalización xerará novas formas de traballo en beneficio dos pacientes. Así, trátase de «conseguir unha mellor coordinación entre os servizos para acadar unha maior calidade dos mesmos, decidindo que se fai, en que centro, e con que medios». Deste xeito, unha vez se establezan os novos protocolos da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago, Manuel Castro prevé melloras como a erradicación de posibles duplicidades en atención primaria e hospitalaria, sen descartar o traslado aos centros de saúde do Baixo Ulla dalgún servizo puntual que poidan ofrecer os centros hospitalarios de Santiago se se chega á conclusión de que iso repercutirá nunha mellor cobertura ao paciente.
Reivindicacións
Como exemplo, o xerente da área pontevedresa lembraba onte que dez anos atrás «os pacientes que recibían o Sintrom tiñan que desprazarse ata os hospitais, mesmo tendo que fletarse ambulancias. Agora adminístraselles nos centros de saúde, e non creo que ninguén queira voltar ao hospital».
O goberno de Cesures, da man da alcaldesa, Maribel Castro, e do edil de Relacións Institucionais, Luis Ángel Sabariz, recordáronlles onte aos dous xerentes sanitarios as dúas peticións cursadas hai tempo ante o Sergas: un segundo médico para o centro de saúde local, e a contratación dun pediatra para unha poboación con preto de 450 nenos.
O recordo da petición veu acompañada por unha carta á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, enviada onte polo Concello. Nela dise que «o que está a pasar en Pontecesures é insólito, cun só médico con 1.700 cartillas e outros 1.030 veciños que teñen que ir a facultativos do centro de saúde de Valga». Así, e «antes de acudir a outras instancias para defender a legalidade» fronte a «unha situación que vai contra a normativa», ínstaselle á conselleira «a que a provisión do médico se realice sen máis demoras»

LA VOZ DE GALICIA, 19/10/10.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.