«Tentaron borrar calquera pegada do BNG no Concello defraudando aos votantes».

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Angueira forma xa parte da galería de alcaldes cesureños.

Os nacionalistas reivindícanse como a forza «máis seria e a garantía da estabilidade»

No 2007, o BNG, malia ser a forza máis votada e quedar a un paso da maioría absoluta, foi desbancado da alcaldía de Pontecesures por unha alianza de tres partidos. Este goberno a tres bandas supuxo, en opinión de Álvarez Angueira, unha perda de catro anos para o pequeno municipio arousán.

-O que lle ocorreu a vostede no 2007 sucedeulle antes a Piñeiro Ares e a Trenco, co BNG participando na outra banda. ¿Séntese agora solidario con eles?
-Solidario, home, non. Cando chegamos á alcaldía, en 1999, nós eramos a forza máis votada da esquerda, nun pacto entre tres forzas progresistas. O de hai catro anos non tivo nada que ver. Si lle sucedeu, nese sentido, a Piñeiro Ares. Ben, os pactos danse así.

-Cesures non ten nin tres mil electores, pero compiten sete candidaturas.
-Son moitísimas. Todo o mundo ten dereito a presentarse, pero debemos matizar que dúas das listas que agora concorren non estaban hai catro anos. Son froito dos problemas do PP, como tamén o foi Maribel [Castro, a alcaldesa] no seu día. O señor Randulfe mesmo segue a ser o voceiro municipal do PP. Supoño que serán os cabreos internos.

-Ben, pero ¿cal pode ser o papel do BNG entre tanta lista?
-O noso obxectivo é acadar a maioría suficiente para gobernar. Os veciños teñen que ser conscientes do que ocorreu hai catro anos, un pacto contra natura que levou á alcaldía a candidata menos votada. Pero o peor foi que tentaron borrar calquera pegada do BNG no Concello, defraudando aos seus propios votantes e á cidadanía en xeral. Nós traballaremos para que os proxectos truncados se desbloqueen, temos un proxecto claro, temos toda a ilusión e sempre soubemos estar no lugar no que nos pobo no colocou. Agora ben, a xente ten que ter claro que o que ocorreu hai catro anos foi un desaloxo a toda costa do BNG do goberno, cando nós somos a forza máis seria e a única garantía de estabilidade.
-¿Que opina do actual goberno?
-Unha perda de catro anos. Insisto, o único que fixeron foi botar abaixo os nosos proxectos, oposición da oposición.

-¿E que pasou co gasóleo?
-Ese tema foi arquivado dúas veces. A Xustiza falará no seu momento.

-Deu a impresión ás veces de que se sentía vostede perseguido…
-? que me sentín perseguido. Non só ao BNG, senón á miña persoa. Iso non é política. Iso é obsesión de determinada persoa comigo, pero a min o que me interesa son os veciños de Cesures. Alá cada quen, por moito que algunha lista se presente unicamente porque me presento eu. O seu único proxecto son eu, el non ten ningún máis.

-Falemos de proxectos, logo.
-A lista é interminable. Case todos deixámolos preparados e eles renunciaron. O centro de día, a zona de lecer ata Padrón sobre os piares vellos do tren, a humanización do peirao, o parque empresarial, o Camiño Portugués, a verdadeira feira do automóbil clásico…

Manuel Luís Álvarez Angueira
22 de xaneiro de 1962, en Pontecesures
Casado
Profesor de Ensino Medio
Cabeza de lista do BNG por primeira vez en 1991. En 1995 os nacionalistas facilitaron a caída de Piñeiro Ares. Foi alcalde entre 1999 e o 2007, faltándolle entón medio cento de votos para a maioría absoluta.

LA VOZ DE GALICIA, 06/05/11


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.