A conta pendente con Borobó.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

coronaAlonsoarbol

Os que onte se reuniron na casa consistorial boirense para unha nova homenaxe a Raimundo García Domínguez, Borobó, quedaron emprazados para unha nova cita no 2016. Ese ano cúmprese o aniversario do seu nacemento e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, puxo esa data como referencia para saldar a conta que o mundo da cultura ten aínda pendente co polifacético xornalista e escritor que fixo de Boiro a súa terra de adopción.

«Borobó leva anos agardando e merece unha gran biografía. O Concello de Boiro debería convocar un certame para elixir a mellor historia sobre a súa vida. A Borobó quédanlle amigos que o coñeceron e poden plasmar o que aínda non aparece nos libros», afirmou Alonso Montero na breve semblanza que fixo sobre a figura de Raimundo García nun ateigado salón de plenos presidido por pola súa viúva, Carlota Paz.

O académico tamén fixo fincapé, sobre todo, na faceta de xornalista de Borobó e na importancia do traballo que desenvolveu á fronte do xornal La Noche: «Foi tan determinante para o desenvolvemento da cultura galega que habería que facerlle un dobre monumento. Aínda está por escribir o papel que xogou La Noche para aglutinar e mobilizar ás novas voces intelectuais que xurdiron nos anos 50».

Tamén se falou da súa condición de socialista, partido ao que se afiliou na véspera da entrada das tropas de Franco en Madrid, e antifranquista, pero o xornalista que foi volveu xurdir cando tomou a palabra Benxamín Vázquez González, da Asociación de Periodistas de Santiago, que se referiu ao homenaxeado como «mestre e guía. Só el, en tempos tan escuros, puido abrir unha luz en La Noche».

Exposición

O acto pechouse cunha intervención do propio Borobó, quen, a través dun vídeo, falou dos seus comezos como xornalista, un oficio no que se iniciou nada menos que nun periódico de guerra durante a contenda fratricida.

Logo, os familiares e os numerosos amigos que se sumaron á homenaxe baixaron á entrada da casa consistorial, onde, durante os vindeiros días, se pode visitar unha exposición cun bo número de colaboracións do fillo adoptivo de Boiro en diversos medios, entre eles La Voz, así coma algunhas cartas que intercambiou con outros escritores como Faustino Rey Romero ou Fernández Mato.

Para rematar os actos en memoria de Borobó, organizados polo Concello, Exxpopress e O Faiado-2, a comitiva dirixiuse ao parque da Comunicación.

LA VOZ DE GALICIA, 29/08/13


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.