A sombra dunha ponte.

Publicado por Redacción en

A nova ponte do tren sobre o Ulla gañou o premio San Telmo de enxeñaría pola súa relevancia mundial ao acadar varios récords, entre eles o de ter unha lonxitude de 240 metros entre piares, superando ao de Nontenbach (Alemaña) que, con 208, era o maior do mundo.

Tamén é a ponte metálica en celosía máis longa de Europa. Entre as virtudes que se tiveron en conta para outorgar tan prestixioso galardón está a do coidado na integración da estrutura nunha contorna natural de extraordinaria beleza, opinión que non comparte a cidadanía local, baseándose en factores alleos á enxeñaría.

Certo é que o lugar escollido para a súa implantación foi máis froito da funcionalidade ferroviaria que da integración ambiental, podendo cruzar o río por outro lugar menos sensible, pero o investimento económico e social sería probablemente maior. Esta é a parte positiva da ponte, que acurta considerablemente os tempos de viaxe entre as cidades do eixo, pero ten grandes sombras que sempre pesarán na opinión dos cidadáns locais.

A xestión paisaxística e agrícola das terras de Isorna foi nefasta, sen considerar o impacto ambiental e social que produciu. A rexeneración da estrutura agrícola foi nula: calquera que se achegue á base da ponte pode observar unha extensión desértica e improdutiva, sen xeito, imposible de recuperar polos veciños. Outra eiva causada polas présas en inaugurala foi que a liña carece da electricidade necesaria, que acadará no 2018, se nada se torce. Será entón cando supostamente desaparecerá o noso tren de proximidade, de Padrón e Catoira. O noso tren do Barbanza nin se menciona.

Carlos F. Coto
La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.