O alcalde de Pontecesures estivo no acto de promoción do Camiño Portugués pola Costa.

Publicado por Redacción en

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, dos alcaldes de Barro, Caldas, Pontecesures, Vigo, A Guarda, O Rosal e Oia e das concelleiras de Pontevedra, Baiona, Nigrán e Redondela, presentou esta mañá as actuacións promocionais que realizará a institución provincial este ano en FITUR e que terán como protagonistas ós concellos polos que transcorre o Camiño Portugués pola Costa. No transcurso dos actos de presentación en Pontevedra e Vigo deuse a coñecer o spot realizado para promover o Camiño Portugués pola Costa e o tema que o músico Teo Cardalda compuxo para a actuación promocional de Turismo Rías Baixas que leva por título «Un lugar en el mundo».

Carmela Silva subliñou que «o xoves Rías Baixas volverá sorprender en FITUR, porque o noso modelo de promoción turística quere ir máis aló, queremos transmitir unha imaxe vangardista, innovadora, rompedora, única; unha imaxe que, este ano, sen dúbida algunha dará moito que falar». A Presidenta recordou que o eixo central da promoción do destino Rías Baixas este ano será o Camiño Portugués pola Costa, «un camiño que parte desde Oporto pola costa Atlántica e conecta en Redondela co Camiño Portugués de interior».

Silva tamén explicou as principais razóns polas que se escolleu este eixo promocional para o 2017, recordando que «o Camiño pola Costa foi oficializado o pasado ano 2016 e precisa un impulso que contribúa ó seu maior coñecemento por parte dos nosos visitantes, porque estamos convencidas e convencidos de que debe converterse nun referente clave para o turismo na provincia de Pontevedra». Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra remarcou que «esta ruta ten unha achega moi singular: o mar e os concellos polos que transcorre». Neste contexto, Carmela Silva fixo fincapé no protagonismo dos concellos nesta actuación promocional que a través do Camiño Portugués pola Costa percorre quince municipios da provincia (A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas, Valga e Pontecesures) e os aspectos relacionados coa súa cultura, patrimonio, historia, termalismo ou o medio ambiente.

Máis polo miúdo, Carmela Silva destacou os atractivos turísticos desta ruta «que ten no mar, no Océano Atlántico, o elemento fundamental que a distingue do resto do Camiño e converte este percorrido nunha experiencia inesquecible». Ademais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra mencionou «o patrimonio histórico dos quince concellos polos que transcorre a ruta; as tradicións ligadas ó mundo pesqueiro; a arqueoloxía, sendo un dos destinos con maior cantidade de xacementos galaicos e romanos, os Castros do Trega na Guarda, da Cabeciña en Oia, de Valga, da Lanzada, ou os cascos históricos como é o de Pontevedra, no que é un pracer pasear e integrarse coas súas xente; o enoturismo e a cultura do viño, que tanto contribúen á desestacionalización do turismo e gozar das augas termais e das súas propiedades, como as de Caldas, calmar os pes nos mananciais termais, na fonte da Burga ou no lavadoiro termal a carón do Camiño».

Carmela Silva asegurou que todas estas experiencias formarán parte da promoción da Deputación de Pontevedra e adiantou que se lles achegará ós presentes un caderno de viaxe, «para guiar os pasos das peregrinas e peregrinos que se decidan a percorrer o Camiño pola Costa, no que terán espazo para escribir a propia experiencia que van vivindo, etapa a etapa; un caderno no que se desvelará, en Madrid, un elemento sorpresa e único do que tan so lles podemos adiantar que é inédito en FITUR, que é un xeito creativo, vangardista e único de dar a coñecer a nosa provincia, converténdonos, unha vez máis, nunha provincia innovadora, xa que ten que ver coas novas tecnoloxías, coa aposta que ten este novo goberno da Deputación por transmitir unha imaxe vangardista da provincia».

Ademais do modo de promover o destino Rías Baixas, a Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer a axenda para os vindeiros días en FITUR, centrada nun contacto permanente con turoperadores, representantes do sector turístico e medios de comunicación co obxectivo de transmitir os atractivos de Rías Baixas. Así, o día da inauguración oficial da feira, 18 de xaneiro, a Presidenta provincial manterá unha reunión ás 11:30 con representantes da Deputación de Xaén no stand de Andalucía (pavillón 7) para abordar cuestións relativas á «Ruta dos Íberos e Fenicios» da deputación andaluza que entronca co proxecto que a institución provincial está a desenvolver cos castros. De feito, Carmela Silva informou que «hai estudos que sinalan que esta ruta iniciada en Xaén tiña moita relación coa nosa provincia, chegaba ata aquí».

Nese mesmo encontro con responsables da Deputación de Xaén tamén se analizarán temas relacionados cos castelos xa que, tal e como asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, «Xaén desenvolveu tamén un plan de usos para os castelos da súa provincia como fixemos nós con Sobroso e Soutomaior e queremos analizar vías de colaboración para promover estes elementos arquitectónicos».

Tamén o 18 de xaneiro ás 13:30 no stand de Turespaña (pavillón 9), a Presidenta da Deputación de Pontevedra apoiará á Alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, na presentación que realizará da vila como Cidade Europea do Viño. E xa pola tarde, ás 16:00, a institución provincial participará na reunión de «Sismotur: Smart Talk sobre Tecnoloxía Blockchain e aplicacións ó turismo», no pavillón 10

Pola súa banda o xoves, a maiores da presentación do destino Rías Baixas ás 12:00 no stand de Turgalicia (pavillón 9), a institución provincial apoiará a Vigo na presentación que realizará das Illas Cíes e que continuará cun almorzo no Espazo Atlántico de Pepe Solla. Pola tarde, ás 16:00, a Deputación de Pontevedra asistirá á presentación que a Mancomunidade do Salnés e o Concello de Cambados realizarán no stand de Turgalicia e ás 16:30 reunirase co Director Xeral da Escola de Organización Industrial (EOI). Xa pola noite, ás 20:30, representantes da institución provincial asistirán na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles á «Noite Q 2017» onde se fará entrega da renovación do distintivo Q de Calidade para as oficinas do Palacete das Mendoza e do Mosteiro de Armenteira.

A Presidenta engadiu que «como queremos ir máis aló, ter máis presenza e aproveitar as sinerxías que se xeran en Madrid no momento en que se celebra FITUR, con milleiros de persoas procedentes de todo o mundo que se dan cita na capital durante esta semana, ata finais de xaneiro un dos autobuses turísticos de dous andares de Madrid, que percorre a capital, estará rotulado cun vinilo coa imaxe de Turismo Rías Baixas, do Camiño Portugués pola Costa». Neste contexto, Carmela Silva engadiu que «hai que estar alí onde están milleiros de persoas, para atraer cada vez máis a un maior número de visitantes a Rías Baixas».

Xa para rematar, a Presidenta da Deputación falou da música que acompaña as imaxes que Turismo Rías Baixas amosará ó mundo en Fitur. A este respecto, Carmela Silva manifestou que «estamos tan orgullosos da nosa provincia, da súa creatividade, da extraordinaria cultura, da nosa música, que imos levar música galega a FITUR, música que se fai por homes e mulleres con gran presenza nacional e internacional como Teo Cardalda, que leva a nosa provincia coa súa música por todo o mundo, e que compuxo un tema inédito que se vai presentar en FITUR e que se estrea hoxe en Pontevedra titulado «Un lugar en el mundo».

Páxina oficial de Deputación


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.