«Queremos que a nova revista sexa un espello do que se fai sobre Rosalía».

Publicado por Redacción en

Nun día tan axeitado como hoxe, no que se rende tributo a aquela poetisa que lle cantara sen medo á Negra sombra, un anaco da cultura vén de ser recuperado. O auditorio municipal de Rianxo foi onte o escenario da presentación do primeiro número da revista Follas novas de estudos rosalianos. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, abordou os obxectivos e a razón de ser desta nova publicación -que impulsa a entidade de corte cultural- nas ondas de Radio Voz Barbanza.

-¿Cando comezou a forxarse a idea de crear esta revista?

-O proxecto de crear unha revista para a Fundación Rosalía de Castro vén de varios anos atrás, porque a anterior que editaba foi esmorecendo co paso do tempo. Ao incorporarse persoas de probado coñecemento sobre a vida e obra de Rosalía de Castro, pensamos que era o momento de relanzar unha revista que recolla ese rebumbio, que existe no mundo académico acerca de Rosalía.

-¿Barallaron outros nomes?

-Barallamos outros, como o de A rosa de cen follas. Pero pensamos que o de Follas novas dáballe á publicación o que quere ser: unha revista nova cun achegamento novo á figura de Rosalía e aproveitando o título dunha das súas obras máis emblemáticas.

-¿Por que optaron por unha periodicidade anual?

-Tamén cabería a posibilidade de facer unha edición bianual. ? un traballo extraordinario e pretender unha periodicidade inferior a un ano é un pouco ousado, pois a fundación non dispón de tantos recursos. A idea anual é axeitada para facer unha avaliación xeral do que foron as investigacións ao redor de Rosalía, Manuel Murguía e da súa familia durante ese ano.

-¿Que se poden atopar os lectores neste primeiro número?

-O número inicial xira ao redor dun aspecto pouco considerado: a súa prosa e novelas. Esa importancia que tivo a pegada de Rosalía no conto galego. Ademais, a primeira edición está dirixida por un rianxeiro da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos. Á súa vez está coordinada por unha investigadora de recoñecido prestixio e profesora da Universidade da Coruña (UdC), así como integrante plenaria desta fundación, Pilar García Negro.

-¿En que seccións ou apartados se divide esta revista?

-A revista ten seccións como a de documentos, na que se recollen textos non publicados, moi relevantes para entender a obra e figura da escritora. Outras seccións abordan o percorrido bibliográfico elaborado sobre Rosalía nos últimos tempos. A maiores, un espazo recolle as actividades da propia fundación e da casa da poetisa. Queremos que a nova revista sexa un espello do que se fai sobre Rosalía.

-¿Que é o que motiva investigacións sobre a autora de países como os Estados Unidos?

-Dos EE.?UU., do Reino Unido e ata en Xapón. Rosalía é unha figura de dimensión universal, que non se esgota e que debemos estudar continuamente. As perspectivas de investigadoras como Catherine Davis, axúdannos a entender mellor esta figura. De seguro que os estudos da británica se incorporarán nos vindeiros números da revista.

-¿Por que a escolla de Rianxo para o estreo da revista?

-De entre todos os que nos apoian economicamente, o Concello de Rianxo destaca en gran medida. Quero aproveitar para agradecerlle a toda a corporación municipal e ao seu alcalde, Adolfo Muíños, este patrocinio. Así vincúlanse as terras de Rianxo e Padrón cos nomes de Castelao, Dieste, Antonio e Rosalía.

-Tampouco foi casualidade esta data tan sinalada.

-Efectivamente, presentámola onte porque estábamos ás portas do 180 aniversario do nacemento da nosa autora, do nacemento desa ilusión e esperanza para todo Galicia, facendo que naza este proxecto por unha longa vida.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.