8 DE MARZO. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER CONCELLO DE PONTECESURES.

Publicado por CONCELLO DE PONTECESURES en

As Nacións Unidas comezan a celebrar o Día Internacional da Muller o 8 de Marzo de 1975. Esta data xurdiu das actividades dos movementos obreiros de finais do século XX en América do Norte e Europa. Dende entón, o Día Internacional da Muller adquiriu unha dimensión global en diversos países. O crecente movemento internacional das mulleres, fortalecido por catro conferencias mundiais das Nacións Unidas sobre a muller, axudou a que a súa conmemoración ofrecese a oportunidade de incrementar o apoio aos dereitos e á participación das mulleres nas esferas políticas e económicas.

Así, o Día Internacional da Muller pasou a ser un movemento de reflexión sobre os progresos acadados, un chamamento ao cambio; e, unha celebración dos actos de valor e determinación tomados por mulleres correntes que tiveron un papel relevante na historia dos seus países e comunidades.

Deste xeito, este recoñecemento  tamén debe facerse visible a nivel local, polo que o Concello de Pontecesures, baixo a mirada atenta da perspectiva de xénero, pretende seguir a afondar en dita temática, coa finalidade de que sexa entendida como unha oportunidade de mirar cara adiante e reflexionar sobre o potencial das futuras xeracións, alimentando o compromiso e a necesidade de unir folgos nesta loita pola igualdade a través da historia.

Concienciar, sensibilizar, cambiar, coeducar, etc. son accións prioritarias que deben estar presentes nas axendas das administracións locais, como entes de referencia e proximidade á propia cidadanía.

Baixo esta filosofía, o Concello Pontecesures, a través da iniciativa Tecendo un mundo, puxo o acento, neste 8 de Marzo, no traballo coa comunidade educativa; co obxectivo de seguir a avanzar na consecución da igualdade de oportunidades, do recoñecemento das aportacións feministas, así como da aceptación da diversidade.

Tecendo un mundo, foi unha forma de recordar que, a través de soños, ilusións, metas, propósitos, etc. cada unha das persoas, cada unha das mulleres, concreta un proxecto de vida. Sen embargo, a propia condición de » ser muller», está condicionada e marcada, en múltiples ocasións, por mandatos sociais e culturais que desdebuxan a realidade.

De forma creativa, esta metáfora estase a materializar no C.P.I de Pontecesures, a través da elaboración dun tapiz común, formado a través de teas de diversas cores, texturas e estampados, etc. que se entrelazan, para recoñecer que a unidade se forma a través do recoñecemento da pluralidade.

A Alcaldía

8 de marzo 2017

 


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.