8 DE MARZO. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER CONCELLO DE PONTECESURES.
As Nacións Unidas comezan a celebrar o Día Internacional da Muller o 8 de Marzo de 1975. Esta data xurdiu das actividades dos movementos obreiros de finais do século XX en América do Norte e Europa. Dende entón, o Día Internacional da Muller adquiriu unha dimensión global en diversos países. O crecente movemento internacional das mulleres, fortalecido por catro conferencias mundiais das Nacións Unidas sobre a muller, axudou a que a súa conmemoración ofrecese a oportunidade de incrementar o apoio aos dereitos e á participación das mulleres nas esferas políticas e económicas.
Así, o Día Internacional da Muller pasou a ser un movemento de reflexión sobre os progresos acadados, un chamamento ao cambio; e, unha celebración dos actos de valor e determinación tomados por mulleres correntes que tiveron un papel relevante na historia dos seus países e comunidades.
Deste xeito, este recoñecemento tamén debe facerse visible a nivel local, polo que o Concello de Pontecesures, baixo a mirada atenta da perspectiva de xénero, pretende seguir a afondar en dita temática, coa finalidade de que sexa entendida como unha oportunidade de mirar cara adiante e reflexionar sobre o potencial das futuras xeracións, alimentando o compromiso e a necesidade de unir folgos nesta loita pola igualdade a través da historia.
Concienciar, sensibilizar, cambiar, coeducar, etc. son accións prioritarias que deben estar presentes nas axendas das administracións locais, como entes de referencia e proximidade á propia cidadanía.
Baixo esta filosofía, o Concello Pontecesures, a través da iniciativa Tecendo un mundo, puxo o acento, neste 8 de Marzo, no traballo coa comunidade educativa; co obxectivo de seguir a avanzar na consecución da igualdade de oportunidades, do recoñecemento das aportacións feministas, así como da aceptación da diversidade.
Tecendo un mundo, foi unha forma de recordar que, a través de soños, ilusións, metas, propósitos, etc. cada unha das persoas, cada unha das mulleres, concreta un proxecto de vida. Sen embargo, a propia condición de » ser muller», está condicionada e marcada, en múltiples ocasións, por mandatos sociais e culturais que desdebuxan a realidade.
De forma creativa, esta metáfora estase a materializar no C.P.I de Pontecesures, a través da elaboración dun tapiz común, formado a través de teas de diversas cores, texturas e estampados, etc. que se entrelazan, para recoñecer que a unidade se forma a través do recoñecemento da pluralidade.
A Alcaldía
8 de marzo 2017
0 comentarios