Pontecesures asinou o convencio de aforro enerxético coa Deputación.

Publicado por Redacción en

O salón de plenos do Pazo provincial acolleu onte o acto de sinatura do proxecto de aforro e eficiencia enerxética no que a presidenta provincial, Carmela Silva, rubricou os convenios cos alcaldes, alcaldesas e representantes dos 43 concellos que se benefician do programa: Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, O Porriño, Portas, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga e Vilanova de Arousa.

O proxecto permitirá substituír 7.519 puntos de luz por luminarias LED nestes 43 concellos (unicamente se podían presentar os que teñen menos de 20.000 habitantes) e que conta cun orzamento de 4 millóns de euros, dos que 3 millóns «achégaos a Unión Europea. É fundamental que sigamos formando parte dela, porque iso permítenos dispoñer de moitos recursos cos que pór en marcha proxectos de futuro». A Deputación obtivo estes recursos a través dunha convocatoria do IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.

A presidenta agradeceu aos 43 concellos «a súa aposta e o seu compromiso por facer dos seus concellos unhas vilas sostibles», sinalando que «sodes a inmensa maioría de cantos podían participar». Silva lembrou que «a sustentabilidade ten que ser unha prioridade das nosas liñas de traballo» e, por iso, «desde a Deputación, e sei que vós tamén, estamos convencidas e convencidos de que a axenda medioambiental ten que marcar a política do século XXI». Isto, valorou, «é unha cuestión de responsabilidade con esta xeración e, sobre todo, coas que veñen. As máis novas e os máis novos estannos a demandar ás políticas e políticos que reaccionemos».

Ademais do agradecemento, Silva pediulles aos concellos «que vos sigades sumando aos novos proxectos en material medioambiental» e informoulles de que «remitiremos todas as liñas que queremos desenvolver para que acheguedes as vosas ideas e poidamos entre todas e todos conformar un modelo de provincia sostible». Para iso, «en canto a nova corporación estea constituída, convocaremos unha reunión na que falaremos destes e máis proxectos».

Carmela Silva salientou que «as políticas sustentables que impulsaremos contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia e a cumprir o Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios (Ministerio de Facenda e Función Pública», ademais de buscar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. «A sinatura de hoxe é só o inicio dunha aposta polo medio ambiente que permitirá á Deputación e a todos os concellos ser unha gran referencia», asegurou a presidenta provincial, que avogou por «destacar nunha cuestión que incide no desenvolvemento económico a moitos niveis». Incidiu Carmela Silva en que «ninguén quere ir a un territorio que non sexa sostible: é bo para a implantación de empresas e dun modelo turístico de calidade». A presidenta provincial demandou que, «estando estas políticas ligadas á transición ecolóxica, debemos solicitar que os concellos obteñan recursos do Estado para poñelas en marcha».

Entre os programas medioambientais que a Deputación porá en marcha de xeito inmediato, resaltan as achegas destinadas á substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa (416.214 € para Caldas de Reis, A Guarda, Mondariz, Portas e Salvaterra de Miño) ou a renovación da iluminación pública exterior en BICs (130.000 € para Baiona, Caldas de Reis, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa). A Deputación tamén se presentará á nova convocatoria do IDAE para impulsar a economía baixa en carbono (para todos os concellos, sen límite de habitantes), os fondos europeos LIFE para un proxecto piloto centrado en prestar solucións sustentables e innovadoras no tratamento de augas residuais de pequenos núcleos, ou o «Life CircWeee-Weee» para a recollida selectiva e a reciclaxe de residuos de pilas e acumuladores. «Son tres proxectos que xa están en redacción para presentarnos canto antes e ser quen de seguir avanzando na nosa axenda medioambiental con recursos», sinalou Carmela Silva, á vez que incidiu en que «o paquete de medidas que desenvolveremos será moi importante e permitirá a todos os concellos transformarse ecoloxicamente».

depo.es


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.