A Carreira Popular de Pontecesures recadará fondos para os orfos do triplo crime de Valga.

Publicado por Redacción en

O Concello cesureño converte a súa proba deportiva nun altofalante da loita contra a violencia machista nunha vixésima edición marcada pola renovación.

A Carreira Popular de Pontecesures encamíñase cara a súa vixésima edición. E o seu organizador, o Concello, quixo aproveitar un número tan redondo para poñer un punto e aparte, e abrir un novo capítulo que relance a proba atlética decana do Baixo Ulla. Dotándoa dun profundo fondo social máis aló do deporte; e enriquecendo o seu formato. Cambios con vocación de continuidade no tempo, explica a concelleira de Deportes do municipio cesureño, Laura Villar, e que este ano suman o troco de datas da carreira, que pasa da súa tradicional programación no último mes do calendario á mañá do domingo 12 de xaneiro, nun xogo de cifras: «La idea fue hacer coincidir la 20ª. edición con el 2020».

Máis aló deste toque de márketing, o gran xiro da Popular de Pontecesures vén pola «introdución como novidade do compoñente reivindicativo na loita contra a violencia de xénero e a solidariedade coas súas vítimas» incluída nas bases da proba. Unha solidariedade que este ano se concentrará na recadación de fondos para os dous nenos orfos de nai, de tía e de avoa tras o asasinato o pasado mes de setembro de Sandra e de Alba Boquete, e da nai de ambas as dúas, María Elena Jamardo, a mans do marido da primeira e pai dos rapaces, José Luis Abet. Aos nenos irá destinado 1 dos 6 euros que lle custará a inscrición a cada corredor das categorías júnior (nados entre o 2001 e 2004), sénior e másteres. Ademais, informa Laura Villar, o Concello dará o día da proba a posibilidade de facer doazóns a maiores. Todo o recadado será posteriormente «transferido a la cuenta del abuelo de los niños, su tutor legal», explica a concelleira de Deportes, cuxo departamento incorporou nesta edición «Run for Them» -corre por eles en inglés- ao nome da XX Carreira Popular. «Hasta ahora la Carreira Popular era solo un evento deportivo. Nuestra intención es convertirla además en una forma de ayudar a nuestros vecinos. Darle un componente solidario, que queremos consolidar en las siguiente ediciones», apunta Villar.

Polo que respecta ao formato, a gran novidade é que a proba pasa dunha única distancia para os atletas das categorías júnior, sénior e másteres, a ofertarlles a opción de correr 4 ou 8 quilómetros, con cadanseu podio e trofeos. Un cambio co que «queremos darle opción a todo el mundo», di a responsable de Deportes de Pontecesures, toda vez que a distancia de anteriores anos, 9 quilómetros no 2018, tería botado para atrás, cre, a unha parte dos afeccionados.

Dez categorías

A XX Carreira Popular-Run for Them de Pontecesures contará con 10 categorías e seis distancias: biberón (nados no 2015 e posteriores, 200 metros), pitufos (2013-14, 500 ms.), benxamín (Sub-10, 1.000 ms.), alevín (Sub-12, 1.000 ms.), infantil (Sub-14, 1.800 ms.), cadete (Sub-16, 1.800 ms.), júnior, sénior e máster A (1975-1984) e B (anteriores a 1974).

A inscrición, aberta ata o 9 de xaneiro na web de emesports

A inscrición na XX Carreira Popular de Pontecesures-Run for Them xa está aberta, podendo rexistrarse nela calquera corredor, teña ou non licenza federativa, ata o 9 de xaneiro, ás 23.59 horas. Deberá facelo a través da web www.emesports.es. A inscrición é gratuíta para as categorías biberón, pitufos, benxamín, alevín, infantil e cadete, e custa 6 euros para as das distancias 4K e 8K, 1 destinado aos orfos do triplo crime de Valga. Con saída e con chegada na Praza do Coche de Pedra do concello cesureño, sobre un circuito urbano, os participantes na proba poderán retirar os dorsais desde as 9.30. Hora e media despois daráse o pistoletazo ás categorías maiores, sucedéndose as saídas do resto desde as 11.45 ás 12.40, en orde decrecente por segmentos de idade. Ademais dos habituais trofeos e medallas, a organización premiará con 300, con 200 e con 100 euros aos tres mellores clubs, debendo competir estes con a lo menos oito atletas para aspirar ao reparto.

La Voz de Galicia


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.