Afloran en Rianxo a vista de paxaro restos de barcos areeiros.

Publicado por Redacción en

A asociación cultural Os Penoucos puxo en marcha o ano pasado o proxecto obaixoulla.gal, co que pretende recoller nun mapa dixital a totalidade do patrimonio cultural, natural e paisaxístico do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de converterse en ría. Na actualidade están catalogados elementos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga. A web do proxecto foi creada por dita entidade coa colaboración de O Zulo e Melisa (asociacións de usuarios de ferramentas de tecnoloxías libres e abertas que están baseadas nos principios de libre uso das aplicacións e información). O mapa inclúe xa 3.363 elementos.

“O curso baixo do río Ulla é a vía máis importante de penetración no territorio desde os máis antigos períodos históricos. Existen multitude de achados patrimoniais ao longo do Ulla que datan desde a Idade de Bronce ata épocas máis recentes, con importantes restos da época romana e continuidade dos mesmos na época medieval. O Ulla, ademais de amosarnos o dinamismo social e humano na antigüidade, tamén nos deixa testemuñas das épocas máis recentes. A Galicia contemporánea neste recuncho tamén se deixa ver a través de diferentes mostras patrimoniais que se foron plasmando na paisaxe”, sinalan dende a asociación Os Penoucos.

O proxecto está aberto á colaboración de entidades e persoas do Baixo Ulla. Calquera que o desexe pode enviar a súa aportación, sexan comentarios, suxestións, textos, fotos…

Unha desas aportacións é a que fixo Javier Figueroa Iglesias: unha impactante foto aérea na que se ven restos de tres antigos barcos areeiros na costa de Rianxo, en Isorna.

Son testemuñas mudas dunha actividade habitual nos anos sesenta e setenta: a navegación polo leito do río Ulla de grandes barcazas cargadas de area, nunha época de prosperidade para o sector da construción. A area era o material máis usado e o máis barato. Estaba ó alcance de case todos nos ríos. Só había que poñer os medios necesarios para sacala e poñela á venda.

“Mariñeiros e veciños da parroquia rianxeira de Isorna foron os pioneiros en explotar este recurso. Reconverteron barcazas e incluso crearon melloras nos sistemas de extracción e facer máis fácil esta actividade. En Isorna aínda se poden apreciar restos dunha actividade que deu de comer a máis de cincocentas persoas da zona. Barcos abandonados e grúas oxidadas son testemuñas dunha economía que tiña como principal nexo de unión o leito do río Ulla”, indícase na web.

Os puntos de venda fóronse instalando ó longo do río na parte de Rianxo e chegou a haber catro lugares. Outro porto de referencia foi o de Pontecesures, onde os empresarios de Isorna tamén foron pioneiros.

“Houbo épocas nas que ata uns vinte barcos percorrían o Ulla cada día co prezado material, e daba traballo a preto de cen persoas entre as que ían a bordo e as que estaban en terra, sen contar aos transportistas que percorrían toda Galicia co material procedente do río”, explican.

O ocaso desta actividade chegou nos anos 80, cando a actividade ía a menos. “As miradas dirixíanse cara as naves que se dedicaban a remover os fondos dos ríos e extraer áridos. As mobilizacións dos mariscadores comezaron en Carril. Pouco a pouco a súas queixas foron a máis e as mobilizacións chegaron ata os políticos, que coa presión exercida, apostaron por eliminar unha actividade moi importante para todo o territorio do Baixo Ulla ”, explican na web de dito proxecto.

El Correo Gallego


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.