Juan Manuel Vidal: “Mar de Santiago debe estar por encima de connotacións e liortas políticas”.

Publicado por Redacción en

O alcalde de Pontecesures, Vidal Seage, fai balance deste proxecto.

A marca Mar de Santiago xurde en 2020 coa idea de dar valor á ruta da Traslatio, que conmemora a chegada a Galicia, por mar, do corpo do Apóstolo Santiago, conformándose como xeodestino os concellos de Pontecesures, Vilanova, Valga e Catoira. Tras dous anos de promoción turística, o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, fai balance do éxito do proxecto e os retos aos que se enfrenta no futuro, co obxectivo de unir a máis concellos á causa, máis alá de connotacións e liortas políticas.

Que elemento diferenciador presenta Mar de Santiago?
Cando nos sentamos por primera vez os catro concellos —Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova— tiñamos claro que existe un elemento diferenciador que lle transfire esa singularidade que non teñen o resto. A data de hoxe hai unha gran variedade de rutas no Camiño de Santiago e o que nos fai distintos é esa capacidad de obxectivar historicamente e documentalmente a Traslatio; é dicir, o feito de que o corpo do Apóstolo se teña trasladado dende Palestina a Iria Flavia, a través do río Ulla e do Mar de Arousa, é un elemento que historicamente se pode contrastar, xa que basta con comprobar o Códice Calixtino. Outras rutas teñen un compoñente mitolóxico que a veces non é facilmente contrastable.

Como balance do 2022, diría que foi o ano da consolidación?
Nestes proxectos de desenvolvemento turístico vense os froitos a medio prazo. Certo é que nestes últimos dous anos estamos funcionando con certa regularidade e foise consolidando xa a marca. En canto aos temas económicos e a repercusión turística é difícil de valorar, porque partes de datos tan heteroxéneos como o de visitantes ou o gasto medio, que a veces fai que non sexa facilmente obxetivable. Mais o que é un feito incontestable é a presenza en feiras de turismo e a chegada de máis de 3.000 turistas. Actualmente temos convenios coa asociación de teleoperadores de Galicia para poñer en todas as oficinas o noso produto. Neste sentido, unha vez que o itinerario ata Pontecesures xa está consolidado, estamos traballando para poñer en valor a ruta á inversa, onde a través dun autobús se fará unha parada en todos os concellos. Ademais, durante estes anos contrastamos que os teleoperadores demandan experiencias novas e Mar de Santiago está sendo un revulsivo.

Espérase que siga crecendo de cara a 2023?
Eu entendo que si. A situación ideal sería ter máis adeptos a nosa causa. Eu entendo que na Ría de Arousa e no río Ulla, en calquera das marxes, deberiamos estar en sintonía e creo que esta primeira pedra que puxemos estos concellos debe supoñer un revulsivo. Polo que lle auguro un bo futuro, en parte por ser un produto novedoso e unha ruta que tradicionalmente non se tiña feito dunha forma  profesional.
 

É un importante obxectivo aglutinar a máis municipios neste xeodestino?
Absolutamente, é o que deberiamos conseguir. A situación ideal sería conseguir unha especie de unidade territorial e funcional, a través dun xeodestino ou de calquera outra fórmula legalmente ben acaída, para traballar en sintonía todos, independentemente das connotacións políticas e da cor política do alcalde de turno. É un proxecto que, entendo, ten que estar por encima destas cuestións, polo que deberiamos de deixar de lado estas liortas, xa que é un proxecto apaixoante e que pode ter un efecto multiplicador e sinerxías a nivel económico.

A desestacionalización supoño que é un dos grandes retos, que liñas seguen neste aspecto?
Sin duda, nesta etapa onde hai menos horas de sol e as mareas son menos atractivas para as viaxes, hai que incidir tamén neste segundo compoñente, onde se visitan os concellos e as súas particularidades. Por outra parte, na contorna da comarca de Santiago entendo que hai un importante potencial en canto ao turismo de congresos e outro tipo de viaxes organizados para outros colectivos, que non teñen por que estar vencellados unicamente á tempada estival, onde Mar de Santiago ofrece contido e xornadas de lecer para os visitantes que complementa ás tradicionais, como as visitas a praia das Catedrais ou a Fisterra.

Co incio do ano a pesca da lamprea será un gran aliciente…
Por suposto, hai certas actividades que os concellos propoñemos que van en función da época do ano. Nas últimas etapas o peso do sector vitivinícola é moi importante, polo turismo de adegas e enolóxico. Na parte alta do río a pesca da lamprea, de xaneiro a maio, tamén supón un grande revulsivo, xa que é un referente a nivel gastronómico e permite aos visitantes coñecer estas artes de pesca in situ e degustar, se as condicións o permiten, a lamprea. Así, cada municipio ten as súas singularidades: Un inmenso crisol de catro concellos que fomos quen de poñen en común aquilo que nos unía para lanzar un proxecto do que estamos máis que satisfeitos.

Para rematar, supoño que a conclusión é traballar polo futuro deste proxecto dende a unidade…
Os que gobernamos temos que ser suficientemente hábiles para buscar elementos comúns para tratar de operar en sintonía. En turismo, ao igual que na maioría de ámbitos da vida, o total sempre vai a ser maior que a suma das partes e no caso de Mar de Santiago, a nivel individual sería absolutamente imposible de levar a cabo para cada un dos concellos. Pero os catro en sintonía, aínda coas dificultades propias de calquer proxecto desta envergadura, está dando resultados moi satisfactorios. Polo tanto, hai que animar neste contexto de economía europea a ser valentes para buscar nexos de unión e replicar esta patrón de éxito.

Diario de Arousa


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.