Durante o mandato do goberno anterior, houbo, o 22/10/09, un incendio nun local da rúa San Lois que foi extinguido con celeridade non facéndose precisa a utilización dun vehículo municipal de extinción de incendios ??pick up? que fora adquirido había pouco tempo con subvención da administración autonómica. O grupo municipal do BNG, daquela na oposición, criticou con dureza a non utilización dese vehículo dicindo que non estaba na sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pontecesures. Contestouselle,entre outros argumentos, que o vehículo estaba no soto da Casa do Concello a disposición dos voluntarios
Pois ben; o tempo pon a cada un no seu sitio, xa que no incendio da madrugada do luns ao martes pasado na rúa Carlos Maside non houbo intervención nin do vehículo en cuestión nin do outro de titularidade municipal para emerxencias que ten o concello a menos de 300 metros do lugar do sinistro. Formouse un GES en Padrón e outro en Valga para actuar tamén en Pontecesures, e os nosos voluntarios quedaron fóra de ditos grupos, coa indiferencia do goberno local que ten un nulo peso político para intervir nestas cuestións diante dos organismos competentes.
Agora os voluntarios de Pontecesures, doídos e con razón, anunciaron que non participaban máis en accidentes ou sinistros e só o facerían en actos, eventos ou celebracións programadas.
En fín; que en materia de protección civil o goberno local marcha desnortado cunha indefinición total que nos confunde a todos. Mediante esta nota lle preguntamos:
1.¿Cales son agora os cometidos dos coches municipais de emerxencias e contra incendios se van estar operativos só nos actos programados con antelación?.
2.¿Van seguir patrullando estes vehículos polas nosas rúas sen función algunha cando non haxa actos ou eventos programados?
3.¿Que funcións se van realizar de cotío na sede de Protección Civil, que é un edificio municipal, senón se van atender as emerxencias?.
4.¿Cal vai ser o cometido do técnico de protección civil contratado recentemente por un ano polo concello (tamén é voluntario) con subvención da Xunta de Galicia senón se vai a actuar nas emerxencias que xurdan?.
Pontecesures, 30/10/13
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures