Contestación á nota da Comisión de Festas da Ponte.

Este colectivo arremete publicamente contra este concelleiro polo mero feito de denunciar ante á opinión pública que o Concello de Pontecesures pagou unha factura da actuación, en pasarrúas, dun grupo folclórico que actuou nas Festas de A Ponte (Padrón). Pois ben; desexo respostar o seguinte:

1. Reitero o insólito, e irregular, do pago en cuestión. Un concello non pode pagar directamente a factura dun acto festivo celebrado en outro. Non está nas súas competencias. Os cartos de todos os cesureños non poden gastarse de calquera xeito, por moito que diga agora a Comisión de Festas da Ponte.

2. Non ten interese algún este concelleiro en polemizar con este colectivo. ? unha obriga como membro da corporación dar a coñecer estas irregularidades e non se debe pasar por alto este asunto.

3. Que a actuación fora o día 15, como dí a comisión, ou o 16 de agosto, é indiferente. Afirmouse que foi o día 16 porque esa é a data que figura na factura emitida polo grupo folclórico e presentada no rexistro do Concello de Pontecesures. No noso municipio non houbo festa ningún deses días, e este concelleiro bastante ten con estar atento aos actos do noso concello.

4. Que non nos veña agora a Comisión de A Ponte con aspectos sentimentais e de boa relación veciñal. Ninguén os discute, pero iso non xustifica a decisión disparatada de pagar a factura por parte do noso concello. Naturalmente o goberno local é o responsable de dita decisión e aínda por enriba quere poñer como un diaño a este concelleiro diante dos veciños de A Ponte. Por certo; se tan ben quería quedar o equipo de goberno coa comisión, lémbrolle aquilo de que as alegrías cos cartos dun, non cos do Concello de Pontecesures que é de todos.

5. Non teño que pedir desculpas a ninguén. A miña conciencia está moi tranquila e o meu deber cumprido. Foi unha pago indebido, sen precedente semellante algún, e así hai que dicilo a todos os nosos veciños.

Pontecesures, 13/11/11

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures

Campaña de recollida de xoguetes.

Sen dúbida, os rapaces son os que viven con máis ilusión a tempada de Nadal. Pero non todos os rapaces teñen a sorte de poder contar con agasallos e xoguetes nestes días polo que o Concello de Pontecesures pon en marcha a campaña de recollida de xoguetes.

Baixo o lema “Alonga a vida dos teus xoguetes”, ponse en marcha esta campaña para que as familias con máis recursos podan  axudar a que outras menos favorecidas, poidan proporcionarlles aos seus fillos un  xoguete nesta época tan especial para todos os cativos.

Todas as persoas que queiran colaborar coa campaña deberán depositar os seus xoguetes na Casa do Concello, a Igrexa Parroquial, O CPI Pontecesures, a Escola Infantil Municipal ou no establecemento HC Sport . Asemesmo, prégase que os obxectos doados sexan novos ou se atopen en bo estado, e non teñan carácter bélico nin sexista. As persoas interesadas en doar algún xoguete teñen de prazo ata o día 30 de decembro.

Finalizado o prazo de entrega, o Concello de Pontecesures e a Parroquia de San Xulián serán os encargados de repartir os xoguetes recollidos nesta campaña entre as familias con menos recursos. Deste xeito, todos os rapaces poderán gozar dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día dos Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos os nenos e nenas.