Durante estas vacacións de Entroido, os operarios do servizo de obras do Concello levaron cabo tareas de mantemento no CPI Pontecesures a instancias da dirección do centro, e que principalmente consistiron en diversas reparacións de fontanería, persianas e do sistema eléctrico.
Prestación económica por fillos a cargo menores de 3 anos.
O prazo para solicitar estas axudas é dende o 16 de febreiro ata o 26 de marzo. Máis información e solicitudes no Servizo Social Comunitario do Concello os luns, martes e venres de 9.00 a 13.30 h.. No seguinte enlace pódese descargar o bando completo:
http://pontecesures.org/recursos/Bando_PFC_menor_3_anos_2012.pdf
Entroido no CPI Pontecesures
Este venres 17 de febreiro de 2012, a partir das 11h30, o CPI PONTECESURES celebra o Entroido. Trátase dunha actividade común a todo o centro e a ela están convidados as familias dos alumnos e alumnas.
Este ano o tema escollido é o das Olimpiadas. Os diferentes grupos de nenos e nenas desde educación infantil até educación secundaria obrigatoria, pasando por educación primaria desfilarán no pavillón municipal de Pontecesures ante os seus familiares caracterizados de diferentes maneiras alusivas ao deporte olímpico e realizando diferentes bailes.
Tendo en conta os tempos que corren, cheos de negros presaxios, nada mellor que a suspensión que nos permite o Entroido para divertirnos e rirnos e así liberarnos das tensións. Por iso, animamos a todas as familias a que se acheguen ao pavillón municipal de Pontecesures para dar acubillo á ilusión dos nenos e nenas.
Ludoteca Entroido 2012 en Pontecesures.
Nas vacacións de entroido os/as nenos/as dispoñen duns días de tempo libre, por iso a asociación cultural Entretemenlo, coa colaboración do Concello de Pontecesures, vai levar a cabo unla Ludoteca de Entroido, os días 20, 21 e 22, de 9h a 14 h., no local anexo ao pavillón de deportes. Esta actividade vai dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos, e o prezo é de 6 ?.
Poden inscribirse nas oficinas do Concello a partir do 16 de febreiro, e poden ter máis información no teléfono 986 55 71 25.
Exposición “De Sanxenxo ao Sahara: Vacacións en Paz” no Concello de Pontecesures.
O Concello de Pontecesures acolle a historia en imaxes de Salama e Jadidja, un neno e unha nena saharauís que forman parte do programa de Vacacións en Paz que trae cada verán a España a rapaces e rapazas que viven e crecen nos campos de refuxiados de Alxeria. A mostra fotográfica e o documental, elaborado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) reflicte a súa experiencia estival en Galicia e a súa vida cotiá no deserto.
O fotógrafo Pelu Vidal, xunto coas xornalistas Natalia Puga e Lara Varela, e o cámara Suso Lago, baixo a coordinación de Laura López, realizaron este proxecto de sensibilización no 2008. Tivo como un dos seus resultados a exposición fotográfica “De Sanxenxo ao Sáhara: Vacacións en Paz”, que este xoves ás 20.00 horas se presenta no Concello de Pontecesures (Na Casa do Concello), xunto co documental “De Sanxenxo ao Sáhara: Vacacións en Paz”, que tamén será proxectado na presentación. A exposición foi financiada polo Concello de Sanxenxo.
Por parte de Agareso acudirán á presentación as voluntarias de Agareso Lara Varela, Natalia Puga e Laura López, coordinadora do proxecto.
No verán do ano 2008, este equipo de reporteiros e reporteiras de Agareso seguiu a estanza dos dous nenos saharauís en Sanxenxo, xunto coa súa familia de acollida en Galicia, e acompañounos no seu regreso ao seu fogar despois de pasar dous meses na nosa terra. O programa Vacacións en Paz, operativo desde hai 18 anos, permite dar unha tregua aos máis pequenos durante os meses estivais, cando as temperaturas no deserto rondan os 50 graos.
España é un dos destinos destas estanzas estivais de miles de nenos que reciben así a aperta dun país onde as vacinas, os medicamentos, a tecnoloxía, forman parte da vida cotiá, pero que na súa realidade habitual escasean. Ás atención médicas que reciben, se suman o sentimento das familias de acollida, que acaban integrando a estes nenos e nenas como un máis da súa casa.

