O alcalde postúlase como vixía da legalidade do polígono empresarial de Pontecesures.

Vidal Seage replícalle ao BNG que inda quedan moitos informes técnicos previos antes de poder opinar sobre a conveniencia da elección da zona para o proxecto 

O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, recoñecía onte, ao ser preguntado pola cuestión por este xornal, non ter coñecemento inda de primeira man nin do fondo nin da forma da proposición non de lei que o BNG vén de presentar no Parlamento de Galicia solicitando a suspensión da tramitación do futuro polígono empresarial da localidade do Baixo Ulla, na zona da Terroeira. Unha petición que a formación nacionalista sustenta en dous argumentos principais e conectados entre si: a ausencia inda dun informe de Augas de Galicia pese á inclusión dunha zona húmida nos 326.000 metros cadrados sobre os que a Xunta de Galicia dimensionará a nova zona industrial. Mais Vidal Seage non precisaba coñecer a redacción do texto da proposición do BNG para considerar «prematura» a iniciativa en contra dunha dotación que o concello precisaría como auga de maio.

«A min gústame falar con datos contrastados, e neste momento da película, cando non hai máis ca un estudo de impacto ambiental no que se informa de que non vai haber menoscabo medioambiental na contorna, sen datos contrastados inda sobre niveis de inundacións, de ruídos, paréceme prematura» a iniciativa parlamentaria do BNG, sinala o rexedor cesureño.

Neste punto, Vidal Seage lanza unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza do concello e, sobre todo, da que lle toque lindar co futuro polígono industrial, postulándose como o primeiro garante de que todo o que se acabe facendo se realice conforme a máis estrita legalidade: «Vanse precisar moitos máis informes sectoriais antes de facer o parque empresarial. Vai haber un informe de Augas de Galicia, evidentemente. Teremos que ver as solucións técnicas para que esa zona húmida afectada sexa drenable. Este alcalde vai vixiar o cumprimento de toda a normativa medioambiental. Calquera que teña interese neste proxecto ten a posibilidade de presentar alegacións. E o propio Concello, se ve que hai algo prexudicial para a súa veciñanza, presentará alegacións».

Sobre a insinuación do BNG da posibilidade de que xa haxa titular para unha parcela de 61.000 metros cadrados, Vidal Seage asegura que neste momento «non hai nin proxecto de parcelación». Lembra que non é o Concello, senón Xestur Galicia, ente da Xunta, quen promove o polígono. Con todo, engade: «A min bombardéanme a chamadas un montón de empresas, e a ninguén se lle escapa que a nosa é unha comarca de monocultivo industrial do aluminio»

La Voz de Galicia.

«Falamos de poder prescindir do coche para ir traballar»

«Cando afortunadamente hai unha gran demanda de instalación de empresas, cando empresarios locais me din que teñen que marchar a Padrón ou a Cuntis por non ter espazo no concello, faise un fraco favor xerando este tipo de incerteza», declara o alcalde de Pontecesures referíndose á petición do BNG de suspender o proxecto do polígono industrial. Unha iniciativa estratéxica en opinión de Vidal Seage, por canto, sinala, se está a falar da posibilidade de: «Un parque empresarial periurbano. Coas axudas europeas orientadas á mobilidade non contaminante, sendo o prezo da vivenda no noso concello accesible, falamos de poder ofrecer vivir en Cesures prescindindo do coche para ir traballar a carón da casa».

Pontecesures recibirá axudas europeas destinadas a sistemas sostibles de xestión da auga

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) concedeu subvencións a proxectos en 8 concellos da man da Deputación de Pontevedra. Son 692.300 euros que chegarán a Pontecesures, O Grove, Meis, Barro, Marín, Nigrán, Ponteareas e A Cañiza para implantar sistemas sostibles de xestión da auga que permitirán un aforro enerxético do 28%. 

As actuacións teñen un orzamento total de 865.380 euros polo que o IDAE asume o 80% do coste. O orzamento restante está financiado pola Deputación con 78.090 euros (9%) e os concellos con 94.990 euros (11%).

Realizaranse actuacións como o cambio de bombas de impulsión de auga ou a instalación de variadores de frecuencia nas súas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) e Estacións de Bombeo de Augas Residuais (EBAR).

Con esta subvención, as axudas concedidas polo IDAE no que vai de ano e xestionadas pola Deputación chegan aos 7,4 millóns de euros, destinados a 33 concellos da provincia e unha entidade local. 

Pontevedra Viva

AXUDAS EXTRAORDINARIAS DA XUNTA DE GALICA PARA PERSOAS TRABALLADORAS AFECTADAS POR UN ERTE (EXPEDIENTE DE REGULACIÓN TEMPORAL DE EMPREGO) COMO CONSECUENCIA DA COVID-19.

Axuda de 500 € por traballador/a.

Prazo de solicitude ata o 25 de outubro de 2021.

Documentación a presentar:

  • Anexo I (Solicitude).
  • Vida laboral dende o 14/03/2020 ata o 23/09/2021.

Descarga das bases da convocatoria no D.O.G. (Diario Oficial de Galicia) e do anexo I (formulario de solicitude):

 BASES
 FORMULARIO DE SOLICITUDE

AXUDAS DA XUNTA DE GALICIA PARA A OBTENCIÓN DOS PERMISOS DE DE CONDUCIR B e C.

Requisitos dos solicitantes:

  • Ter máis de 18 anos ou a idade requerida para o permiso de clase C.
  • Estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (16-30 anos).
  • Estar empadroado en Galicia ( cunha antigüedade mínima de empadroamento de 1 ano).

Axudas de 400 € para o carné de clase B e de 650 € para o de clase C.

Prazo de solicitude ata o 13 de setembro de 2021.

Nesta convocatoria é obrigatoria a presentación da solicitude por medios electrónicos, polo que é necesario dispoñer de CERTIFICADO DE FIRMA DIXITAL, DNI ELECTRÓNICO ou CHAVE365.

Descarga a convocatoria oficial no Diario Oficial de Galicia no seguinte link:

O Concello de Pontecesures contratará a 5 persoas perceptoras da RISGA.

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa de contratación de persoas perceptoras de Risga para apoiar aos concellos galegos. No tocante ó ámbito territorial de Área de Santiago son 26 os concellos beneficiados, que se repartirán 1.279.491 euros para a contratación de 98 persoas.

Na provincia da Coruña, en global, apoiarase a contratación de 191 persoas perceptoras de Risga en 37 concellos a través dun investimento de 2,3 millóns de euros.

Na comarca de Santiago beneficiaranse 6 municipios que coas axudas da Xunta por valor de 406.000 euros e poderán contratar a 30 persoas. Trátase de Arzúa (27.731 €), Brión (22.983 €), Dodro (23.310 €), Teo (32.074 €) e Vedra (25.082 €), que poderán contratar a dúas persoas en cada caso, e Santiago (275.419 €), que disporá de 20.

Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte serán tamén 6 os concellos, que recibirán un total de 274.000 € para dar traballo a 22 persoas. Son os de Carballo (140.103 €), para dez traballadores; Vimianzo (55.112 €), para cinco; Camariñas (28.339 €), Fisterra (20.618 €) e Laxe (20.154 €), para dous en cada caso; e Ponteceso (10.309 €), para un.

No Barbanza beneficiaranse sete localidades cun total de 224.000 euros para xerar 19 postos de traballo: Ribeira (56.383 €) e Noia (62.628 €), para 5 empregados; Lousame (20.618 €), Outes (24.373 €), A Pobra (22.156 €) e Rianxo (23.429 €), para dous; e O Son (15.341 €), para un.

No tocante á provincia de Pontevedra, as axudas ascenden a 3,6 millóns de euros para 298 contratacións en 51 municipios, e no eido de Área de Santiago son sete os concellos beneficiados. No Deza, Lalín, con 127.362 € para contratar a dez traballadores, e Silleda (22.577 € para 2). E en Tabeirós e Umia, Valga (19.060 € para 1); Pontecesures (72.808 € para 5); Caldas (29.242 € para 2); Cuntis (29.242 € para 2); e A Estrada (73.030 euros para cinco).

O obxectivo da iniciativa é proporcionar experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato de nove meses de duración. A actuación busca impulsar o emprego local e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado labora galego. Estas contratacións únense aos apoios xa aprobados pola Xunta destinados aos concellos para impulsar a contratación cos programas xa resoltos de Socorristas e de Aprol rural.

Con esta nova resolución e grazas a estes tres programas de emprego os concellos da área de Santiago recibirán máis dun millón euros para contratación de 85 desempregados; os de Bergantiños e Costa da Morte, 603.000 € para a contratación de 68 desocupados; e os do Barbanza, 622.000 euros para a contratación de 90 parados.

Enmárcanse, ademais, na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2 millóns de euros para permitir a formación e o acceso ao traballo de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8 millóns de euros para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4 millóns de euros para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

El Correo Gallego