Os Alevíns do Cordeiro-Ulla CF celebran o fin de tempada no Parque Acuático de Amarante.

Unha gran parte dos xogadores da categoría Alevín do Cordeiro-Ulla CF e as súas familias desprazáronse en autobús o sábado pasado ata Amarante, para celebrar no parque acuático desta localidade portuguesa o fin de tempada; a excursión foi organizada por un grupo de pais e nais que, tras un ano intenso de competicións e torneos, quixeron agasallar os rapaces cunha actividade lúdica e distendida, na que tanto maiores como pequenos, desfrutaron das diferentes atraccións acuáticas que o parque ofrece.

“Consideramos importante dotar dunha dimensión social ó deporte de base; este tipo de actividades axudan a crear vínculos, socializar, e xerar emocións positivas entorno ó deporte, levando a súa práctica máis alá da competición” opinaba ó regreso da excursión, xa case a media noite, unha das nais organizadoras da xornada.

Os rapaces e rapazas descansarán estes días para retomar os adestramentos nunhas semanas.

Imaxe do grupo no Parque Acuático de Amarante, 15/07/2023