Hoxe, 26 de novembro, pleno ordinario en Pontecesures.

Será ás 20:30 horas, coa seguinte orde do día:

1. Acta anterior.
2. Moción da ACP sobre establecemento dunha quenda de rogos e preguntas para o público ao rematar os plenos ordinarios.
3. Moción do equipo de goberno para denominar praza de María «A Cuca» a unha pequena zona do Camiño de San Xulián.
4. Moción do equipo de goberno para denominar rúa Carlos Bóveda a una rúa de recente formación.
5. Moción do BNG e do PSdeG-PSOE con motivo do Día Internacional da Violencia de Xénero.
6. Moción do BNG e do PSdeG-PSOE sobre medidas deste concello fronte aos desafiuzamentos.
7. Aprobación inicial do Inventario Municipal.
8. Aprobación inicial do Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións.
9. Aprobación inicial da Ordenanza Reguladora de Usos de Locais Municipais.
10. Resolucións da alcaldía. Dar conta.
11. Informes da presidencia.
12. Rogos e preguntas.

Faise un chamamento aos veciños para que asistan ao pleno. Sempre é importante coñecer de primeira man os debates e as posturas dos grupos da corporación.

A ACP non entende o que está a suceder na ximnasia de adultos de Pontecesures.

Xa criticamos no seu día a confusa privatización desta actividade da ximasia de adultos para este curso 2012/2013. Non se contratou como todos os anos un monitor/a por parte do concello e así unha empresa privada, con ánimo de lucro, está a cargo da actividade utilizando unha instalación municipal e cobrando directamente ás persoas que asisten á dita actividade un prezo mensual máis elevado que o prezo público que fixou o concello precisamente neste ano para estas clases.

Pois ben; hai uns días as persoas asistentes tiveron que escoitar un discurso da monitora da empresa privada durante un cuarto de hora (as clases duran unha hora) tratando de convencer ás asistentes para que colaborasen como voluntarias co concello para actividades do Nadal como arranxo de xoguetes ou o desfile de Papá Noel. O sexa; en lugar de adicarse a impartir clases, a monitora adicouse a tratar aspectos alleos á actividade en sí. Máis de unha das asistentes comentou «in situ» que ían alí a facer ximnasia, e que non estaban dispostas a que houbera politizacións, mesturando temas de xestiòn do goberno local, na actividade, instando a que os asuntos do voluntariado se tratasen noutro foro e por parte dos representantes municipais.

Esta situación repetiuse noutra clase, pero o asunto foi máis grave pois unha asistente, molesta co tono de autoridade da monitora ao falar que había que implicarse nas actividades do Nadal, abandonou a sesión da ximnasia.

Non entende a ACP o que está a suceder. Non pode ser que unha empresa privada «matrimoniada» co goberno local para impartir a ximnasia de adultos, utilice á monitora para convencer ás asistentes para o voluntariado reflectido.

Parécenos moi ben que se incentive o voluntariado por parte do concello para participar no desenvolvemento de actos municipais. Pero os que teñen que pedilo e dar a cara son os integrantes do goberno local e non utilizar a empresa algunha para este cometido. ¿Que terá que ver a ximnasia con isto?.

Polo exposto, solicítase ao concelleiro de educación, deportes a asuntos sociais, Roque Araújo, que conteste no pleno do luns 26 de novembro quen lle pediu á empresa que se fixeran nas clases de ximnasia estas proclamas sobre o voluntariado, e por que se consinte isto.

Tamén, so solicita á terceira tenente de alcalde, Cecilia Tarela, unha explicación sobre as xestions que fixo relaciondas con todo este asunto pois en lugar de aclarar as cousas parece que trata de líar con tensas conversas a uns e outros provocando o malestar das asistentes a esta actividade.

Pontecesures, 23/11/12

Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro ACP Pontecesures