Entroido no CPI Pontecesures

Este venres 17 de febreiro de 2012, a partir das 11h30, o CPI PONTECESURES celebra o Entroido. Trátase dunha actividade común a todo o centro e a ela están convidados as familias dos alumnos e alumnas.

Este ano o tema escollido é o das Olimpiadas. Os diferentes grupos de nenos e nenas desde educación infantil até educación secundaria obrigatoria, pasando por educación primaria desfilarán no pavillón municipal de Pontecesures ante os seus familiares caracterizados de diferentes maneiras alusivas ao deporte olímpico e realizando diferentes bailes.

Tendo en conta os tempos que corren, cheos de negros presaxios, nada mellor que a suspensión que nos permite o Entroido para divertirnos e rirnos e así liberarnos das tensións. Por iso, animamos a todas as familias a que se acheguen ao pavillón municipal de Pontecesures para dar acubillo á ilusión dos nenos e nenas.

Ludoteca Entroido 2012 en Pontecesures.

Nas vacacións de  entroido os/as nenos/as dispoñen duns días de  tempo libre, por iso a asociación cultural Entretemenlo, coa colaboración do Concello de Pontecesures,  vai levar a cabo unla Ludoteca de Entroido, os días 20, 21 e 22, de 9h a 14 h., no local anexo ao pavillón de deportes. Esta actividade vai dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos, e o prezo é de 6 ?.

Poden inscribirse nas oficinas do Concello a partir do 16 de febreiro, e poden ter máis información no teléfono 986 55 71 25.

 

Exposición «De Sanxenxo ao Sahara: Vacacións en Paz» no Concello de Pontecesures.

O Concello de Pontecesures acolle a historia en imaxes de Salama e Jadidja, un neno e unha nena saharauís que forman parte do programa de Vacacións en Paz que trae cada verán a España a rapaces e rapazas que viven e crecen nos campos de refuxiados de Alxeria. A mostra fotográfica e o documental, elaborado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) reflicte a súa experiencia estival en Galicia e a súa vida cotiá no deserto.

O fotógrafo Pelu Vidal, xunto coas xornalistas Natalia Puga e Lara Varela, e o cámara Suso Lago, baixo a coordinación de Laura López, realizaron este proxecto de sensibilización no 2008. Tivo como un dos seus resultados a exposición fotográfica «De Sanxenxo ao Sáhara: Vacacións en Paz», que este xoves ás 20.00 horas se presenta no Concello de Pontecesures (Na Casa do Concello), xunto co documental «De Sanxenxo ao Sáhara: Vacacións en Paz», que tamén será proxectado na presentación. A exposición foi financiada polo Concello de Sanxenxo.
Por parte de Agareso acudirán á presentación as voluntarias de Agareso Lara Varela, Natalia Puga e Laura López, coordinadora do proxecto.
No verán do ano 2008, este equipo de reporteiros e reporteiras de Agareso seguiu a estanza dos dous nenos saharauís en Sanxenxo, xunto coa súa familia de acollida en Galicia, e acompañounos no seu regreso ao seu fogar despois de pasar dous meses na nosa terra. O programa Vacacións en Paz, operativo desde hai 18 anos, permite dar unha tregua aos máis pequenos durante os meses estivais, cando as temperaturas no deserto rondan os 50 graos.
España é un dos destinos destas estanzas estivais de miles de nenos que reciben así a aperta dun país onde as vacinas, os medicamentos, a tecnoloxía, forman parte da vida cotiá, pero que na súa realidade habitual escasean. Ás atención médicas que reciben, se suman o sentimento das familias de acollida, que acaban integrando a estes nenos e nenas como un máis da súa casa.

 

Asamblea Xeral Extraordinaria da Agrupación Local do PSdeG-PSOE

O vindeiro día 17 de febreiro de 2012, venres, ás 20:30 h. en primeira convocatoria e as 21:00 h. en segunda convocatoria, todos os afiliados e afiliadas do PSdeG-PSOE de Pontecesures están convocados á Asamblea Xeral Extraordinaria da Agrupación Local no Local da Travesía da Bandeira. Na orde do día destaca a elección do delegado/a ao 12º Congreso Nacional a celebrar en Santiago de Compostela os días 9, 10 e 11 de marzo.