A Biblioteca Municipal de Pontecesures remata a catalogación dos 1.107 exemplares do Fondo Manuel Vicente Moure

O fondo bibliográfico está a disposición da veciñanza e inclúe 250 libros editados antes de 1900, un deles datado no 1700

A Biblioteca Municipal de Pontecesures vén de rematar a catalogación do Fondo Manuel Vicente Moure, composto por un total de 1.107 referencias bibliográficas e case na súa totalidade de fondo antigo, é dicir, publicado antes do ano 1960. Un traballo acometido nos últimos tempos pola bibliotecaria municipal, María Teresa Gil, quen salienta que “estes libros nunca poderán ser obxecto de expurgo”.

O Fondo Manuel Vicente Moure está composto por un total de 1.107 libros, 250 dos cales foron editados antes do ano 1900 e un deles data do ano 1700 e titúlase “Du celibat volontaire ou la vie sans engagement”. A maiores hai outro datado en 1717, un de 1785, dous de 1786 e tres de 1787.

Todos eles están expostos á veciñanza cesureña nas dependencias da biblioteca municipal, despois de medio século de itinerancia por outras instalacións como a antiga Casa do Concello de Pontecesures, o actual CPI ou o semisoto da actual Casa Consistorial.

O Fondo Manuel Vicente Moure conformouse a raíz dunha doazón deste veciño nado en San Xulián de Requeixo en 1860 e que emigrou a Arxentina. Aló fixo fortuna e destinou parte dela a mellorar as condicións de vida do seu pobo natal.

onoticieiro.gal

CCOO presentará recurso para que Padron actualice as nóminas conforme á RTP.

Casa do Concello de Padrón

Casa do Concello de Padrón

A Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras (FSC-CCOO) interporá un recurso contencioso-administrativo para que o Concello de Padrón actualice as nóminas do persoal conforme a relación de postos de traballo (RPT) vixente, publicada no Boletín Oficial da Provincia o 16 de abril do 2021. Esta acción tomase, segundo explica o sindicato, unha vez que o goberno local desestimou a solicitude presentada polo delegado de persoal esixindo a actualización das nóminas e o pagamento dos atrasos dos dous exercicios.

Desde o sindicato lamentan que o Concello “nin sequera respondese o escrito presentado polo delegado ou que declinase as peticións do sindicato para manter unha xuntanza ”.

El Correo Gallego

Os alumnos dos colexios rurais de Valga percorren un tramo do Camiño de Santiago.

Dende comezos da primavera e, sobre todo, a partir da Semana Santa o Caamiño Portugués que discorre por Valga, comeza a ofrecer imaxes mois semellantes ás dos dous últimos anos santos, con multitudes de peregrinos das máis diversas procedencias.

Entre esa transfega de persoas, houbo onte uns peregrinos especiais: o alumnado do CRA, que aproveitou o bo tempo para percorrer o tramo entre O Pino e San Miguel. Saíron dende o albergue e avanzaron por un dos tramos máis fermosos. Aproveitaron para ir recollendo o lixo que atopaban.

Os rapaces, das escolas de Vilarello, Forno, Ferreirós, Xanza, Chenlo e Campaña, asistiron a unha sesión de contacontos a cargo de Servando Barreiro, que rompeu unha lanza a prol da natureza, do coidado do medio ambiente e da vida saudable a través do espectáculo «As árbores do camiño».

Trala actuación, os alumnos continuaron a caminata pola ruta da zona de San Miguel, onde aproveitaron para selar as súas credenciais, e dirixíronse cara a Ponte Valga, onde gozaron de tempo libre no Parque Irmáns Dios Mosquera.

Diario de Pontevedra