‘Traes unha cantiga?’ dirime en Padrón a segunda semifinal da música de taberna.

Foles da Mariñas, Zoadeira, Fol do Raxal, Vandevaranda e Raigañas xóganse outro posto na final

No espazo deste domingo (TVG, 17.45 horas) lémbranse as cantigas máis populares

O xurado desta segunda semifinal, composto por Xurxo Fernandes, Samuel González e Sheila Patricia
O xurado desta segunda semifinal, composto por Xurxo Fernandes, Samuel González e Sheila Patricia.

A taberna A Cabana, no concello de Padrón, foi o espazo escollido para dirimir a segunda semifinal —do mesmo xeito que ocurreu coa primeira— do programa Traes unha cantiga?, que este domingo emite a Televisión de Galicia (TVG) a partires das 17.45 horas. Participan neste espazo os cinco grupos gañadores á mellor cantiga interpretada

Foles das Mariñas, grupo de acordeonistas e voces pertencentes á Asociación de Amigos do Acordeón de A Coruña, co obxectivo de potenciar o acordeón como instrumento tradicional. A cantiga que elixiron é O San Benitiño, que foi popularizada pola Roda e A Charanga do Cuco de Velle incluíuna no seu disco Na palleira (1980).

Zoadeira, grupo de pandeireteiras de Ourense, vinculado á Asociación Música e Cultura de Galicia, coa cantiga Ai, Maruxiña, moi popular nas tabernas galegas e que tamén está presente no repertorio de varios grupos, como Malvela ou Os Carunchos.

Fol do Raxal, do concello de Cervo, grupo de formación e repertorio tradicional, que interpretan a cantiga O Roubador, moi cantada nas tabernas galegas e popularizada por grupos como Cantata Vernácula ou A Roda.

Vandevaranda, vinculado á Escola da Vaca de Ferrol, na que imparten un curso especifico de cantos de taberna. Interpretan a cantiga Licor do negro café, composta polo grupo ourensán Lamatumbá, pero que xa está considerada un himno dos cantos de taberna.

Raigañas, grupo integrado na asociación cultural do mesmo nome que traballa na recuperación do legado das cantareiras, tocadoras, bailadoras e regueifeiras na comarca de Bergantiños. Interpretaran Amoriños collín, peza recollida a cantareiros de etnia xitana polo antropólogo na zona de Ordes en 1965.

No programa número 25 de Traes unha cantiga? tamén lembrarase as cancións gañadoras como as máis populares, mediante fragmentos da súa actuación no programa, e mediante a macroenquisa realizada por sondaxe unha delas saíra gañadora e participará na final. A saia da Carolina, interpretada por Coitelo de pau, O rodaballo (Cuncas do Son), Catro vellos mariñeiros (Cordenaia), Pousa, pousa (Os Chiribicos) e Camariñas (Os Farrapos de Cesullas) serán lembradas coma as cantigas máis populares coas súas interpretacións no programa.

El Correo Gallego

«Galicia sabe a mar» en Pontecesures.

O vindeiro 𝐝𝐨𝐦𝐢𝐧𝐠𝐨 𝟏𝟔 𝐝𝐞 𝐟𝐞𝐛𝐫𝐞𝐢𝐫𝐨, poderás desfrutar do sabor dos productos das nosas rías.

Achégate de 𝟏𝟐:𝟎𝟎 𝐚 𝟏𝟓:𝟎𝟎 𝐡𝐨𝐫𝐚𝐬 𝐞𝐧 𝐪𝐮𝐞𝐧𝐝𝐚 𝐝𝐞 𝐦𝐚ñá𝐧, 𝐞 𝐝𝐞 𝟏𝟕:𝟎𝟎 𝐚 𝟐𝟎:𝟎𝟎 pola tarde, na Prazuela a degustar a diferentes preparacións de productos do mar.

Padrón lembra a figura de Rosalía con degustacións gastronómicas, música e unha ofrenda floral.

O 23 de febreiro conmemorase o día da escritora galega máis universal.

Imaxe do cartel do Día de Rosalía en Padrón
Imaxe do cartel do Día de Rosalía en Padrón

Padrón, berce da escritora máis universal de Galicia como é Rosalía de Castro, prepárase para celebrar o vindeiro 23 de febreiro o Día de Rosalía cunha xornada repleta de actos institucionais, degustacións gastronómicas e eventos culturais. A programación, organizada polo Concello de Padrón e complementada polas actividades da Fundación Rosalía de Castro, ten como obxectivo reivindicar o legado da escritora e manter viva a súa memoria.

Os actos darán comezo ás 13.30 horas cun desfile dos xigantes de Rosalía e de Castelao, cedidos polo Concello de Rianxo, que percorrerán as rúas de Padrón. A presenza de Castelao nesta homenaxe reponde á declaración do 2025 como Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento. Neste sentido, ambos persoeiros son dous símbolos fundamentais da identidade galega e da defensa da lingua e a cultura do país.

O sabor do Caldo de Gloria

Xa o dicía a propia Rosalía nun dos seus poemas: «Fixen un caldo de gloria / que me supo que la mar / fixen un bolo de pote / que era cousa de envidiar«. E é que o Caldo de Gloria é unha receita, como destaca a poetisa nos seus versos, que simboliza a resistencia e dignidade do pobo galego. Por iso, paralelamente ao desfile, os establecementos hostaleiros de Padrón ofrecerán degustacións desta tradicional receita.

https://buy-eu.piano.io/checkout/template/cacheableShow?aid=l8QxBgImpe&templateId=OTAHSVPGG3B4&templateVariantId=OTVLOX7Q2QJCI&offerId=fakeOfferId&experienceId=EXB3UKH5IIV8&iframeId=offer_ca78e5815077fd0907ad-0&displayMode=inline&pianoIdUrl=https%3A%2F%2Fid-eu.piano.io%2Fid%2F&widget=template&url=https%3A%2F%2Fwww.elcorreogallego.es%2Fbarbanza-muros-noia%2F2025%2F02%2F12%2Fdia-rosalia-castro-padron-poetisa-114235507.html

Mantel co poema 'Miña casiña, meu lar' elaborado pola Fundación Rosalía
Mantel co poema ‘Miña casiña, meu lar’ elaborado pola Fundación Rosalía.

Non será a única degustación da xornada. Dende as 19.00 horas, na Casa de Rosalía, o cociñeiro Alberto Carou, do restaurante Curral do Marqués en Rianxo, ofrecerá o seu Caldo de Gloria aos visitantes.

Entre medias, ás 18.00 horas, terá lugar un dos momentos máis emotivos da xornada. Será diante da estatua da propia Rosalía no paseo do Espolón coa tradicional ofrenda floral.

Ofrenda floral polo Día de Rosalía o pasado ano
Ofrenda floral polo Día de Rosalía o pasado ano.

Para pechar o día, ás 20.00 horas, a cantante Antía Muíño ofrecerá un concerto no auditorio da Casa de Rosalía, servindo para poñer o broche de ouro a unha xornada que mestura cultura, tradición e música en honor á figura máis destacada da literatura galega.

El Correo Gallego

Barreira vexetal para minimizar os cheiros da depuradora de Valga.

Os participantes no Obradoiro de Emprego están a desenvolver o proxecto

Os integrantes do módulo de traballos forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, no que participan persoas desempregadas dos concellos de Valga, Moraña e Portas, están a realizar unha plantación na zona das Cernadas, xunto á estación depuradora de augas residuais do municipio valgués. Segundo informan dende este, os aprendices están a traballar baixo as directrices do experto docente da especialidade, José Manuel Picallo, co obxectivo de crear unha pantalla visual, que mellore esteticamente o lugar, e tamén actúe como unha barreira contra os cheiros. A especie que se vai plantar, explican dende o consistorio, é a tuia e, como traballos previos, os aprendices realizaron o replanteo do terreo e o marcado e a apertura dos buracos. Posteriormente introducirán as plantas e aboaranas e, no caso de ser preciso, colocarán titores para que medren rectas e para que o vento non as tire mentres non arraiguen. Para estas tarefas aportarán terra vexetal nas zonas nas que o chan é máis inorgánico, «para propiciar un hábitat axeitado e que as árbores prosperen e non sequen», explica o docente.

Ademais desta actuación, os alumnos realizaron nas últimas semanas roces e limpezas e iniciarán tamén as podas.

La Voz de Galicia