O auditorio municipal de Valga proxecta actividades para o mes de xuño.

O auditorio municipal de Valga será escenario este mes dun bo feixe de actividades lúdico culturais. Animación á lectura, teatro e cursos de diversa índole compoñen o menú deseñado para encher de contido estas instalacións.
«A hora do conto» é unha das primeiras actividades que se van desenvolver. Os xoves 11 e 25, ás seis da tarde, haberá unha narración colectiva de historias para achegar aos máis pequenos ao mundo das letras.
O venres día 12, o auditorio será escenario da estrea en Valga da curta Campás, do director Jairo Iglesias. A proxección será ás nove da noite. O domingo 14 chegaralle o turno á música. Celébrase o décimo aniversario da banda de música municipal de Valga, a partir das oito da tarde. O festival de fin de curso do colexio Ferro Couselo terá lugar o venres 19, a partir das cinco da tarde. E o domingo 21 haberá un concerto de canto a partir das 20.30 horas.
Charlas e cursos
Polo demais, o auditorio será escenario das reunións de diversos colectivos (desde asociacións de pais a entidades como Cultura no Río) e centro no que se desenvolverán charlas e todo tipo de obradoiros. Entre eles destacan os de baile de salón, de bolillos, de mecanografía, logopedia, mecanografía… Para completar o programa hai previstas varias charlas: de prevención de drogodependencias, de agricultura ecolóxica para a horta ou de informática.

LA VOZ DE GALICIA, 03/06/09

Carnaval musical cos máis novos da Banda de Valga.

A Banda Peque disfrazouse para darlle o seu toque particular ao concerto.

O Auditorio Municipal de Cordeiro foi escenario o domingo dun festival de Entroido organizado pola Escola Municipal de Música.
Como cada Carnaval, Valga quixo celebralo cunha festa por todo o alto, e a Banda do municipio non quixo ser menos. Como soe ser costume por estas datas, a agrupación musical vestiu as súas mellores galas para festexar a Don Carnal. Deste xeito, foron sobre todo os máis pequenos do centro formativo os que fixeron as delicias do público asistente ao Auditorio Municipal de Cordeiro.

Os integrantes máis pequechos da Escola de Música de Valga foron os que puxeron a nota de cor. Os alumnos da materia de música e movemento foron os primeiros en pisar o escenario valgués. As súas voces anxelicais deleitaron ao público cantando distintas pezas, sobre todo relacionadas coa escala musical para as que utilizaron distintas comparacións.

Outras intervencións > E logo dos máis pequenos, que cursan o primeiro ciclo do ensino primario, chegaron os que xa levan un tempiño na Escola Municipal. Os compoñentes deste grupo están a estudar linguaxe musical, e o seu traballo xa está algo máis vinculado coa teoría pura e dura da música, o que non quita que puideran demostrarlle ao público que iso é algo máis que un estudo teórico xa que tamén traballan, e moito, cos instrumentos Orff.

Antes de rematar o concerto, os compoñentes da Banda Peque tocaron tres pezas do seu incipiente repertorio co que os espectadores puideron comprobar os bos alicerces que ten a Banda Municipal.

O toque final puxérono ??Os Carrexadores?, un grupo que compoñen os pais dos alumnos, e que realizaron unha parodia do campamento musical de Tarragona.

DIARIO DE AROUSA, 24/02/09

Concerto de Yoplay.

Será o sábado día 21 de febreiro no pub Taboga de Pontecesures (Sagasta, 10). O grupo de indie-rock de Valga ofrece un concerto a partir das 23:30 horas no que tocará temas do seu último traballo «Kill my mother». Entrada libre. Todo sobre o grupo en www.myspace.com/yoplay.

DIARIO DE PONTEVEDRA, 18/02/09