Pilatos.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Queren convencernos de que eles non teñen a culpa. Incluso, como son astutos, gardan a intención de convencernos tamén de que a culpa é nosa, exclusivamente. Son os Pilatos dos nosos días. Lavan as mans mentres os obreiros saen, despedidos, ás rúas. Son tipos grises e voraces que mandan subir a Bolsa do día a día, ou baixala. Avariciosos e sen escrúpulos. Pasean en avións por todo o mundo, de «cumbre en cumbre». Din que a culpa é do sistema, pero non afirman que eles son o sistema. Haberá que volver escribir con pintura imborrable nas paredes da cidade: a bota que nos pisa é sempre unha bota. Cómo gasto paredes recordándote, lin nalgunha canción con letra confundida. Recordándote. Haberá que sacar o corazón a pasear fronte á cobiza político-financeira. Gritar que non nos moverán. Que somos máis, e mellores. E que non somos culpables de nada. Porque facemos o que sempre fixemos: levantarnos, traballar, intentar progresar, cumprir as normas, votar. Votar por eles e polo seu sistema roto. Este que agora é o culpable desta crise que o ministro de Economía, tan listo, non vaticinaba hai oito meses. Eles viven na súa cápsula de poder. Non saben da xente. Quizais cando chegan a mandar, ao sillón poderoso, deixan de ser xente coma ti. Ignoran que as cifras agora repercuten en seres que apenas teñen para tomar un café. Ou pensionistas que non poden nin pagar residencias, nin asistencias. Mentres, a oposición fala da neveira do coche de Quintana (esa insignificancia) e non do fracaso estrepitoso e inmoral da lei de dependencia. Traballadores humildes no paro, na miseria da incertidume do futuro: miran aos seus fillos con tanta preocupación que ás veces teñen só tristeza en lugar de ollos. Cada día que pasa sinto maior aversión pola clase política que goberna o mundo. Estes Pilatos que lavan as mans mentres ti, maldita sexa, só podes lavar as lágrimas.

Columna de Xosé Carlos Caneiro. LA VOZ DE GALICIA, 28/10/08

Categorías: Opinión

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.