Mércores de cinza.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Columna «Devagar», Por Xavier Senín (Escritor).

UN ANO os rapaces formárona boa no entroido. Polo menos, a maioría da xente apuxéralles a eles aquela entroidada. A tarde do martes de entroido apareceu un grupo de choqueiros, que así era como se chamaba alí a xente que se disfrazaba. Ían todos vestidos de farrapos, con pezas de roupa vella de muller que colleran pola casa nos baúis dalgún fallado. A cara levábana tapada con caretas de cartón que deberan comprar na tenda da Luzdivina, por máis que despois ela asegurase que non eran das que ela tiña a vender. Todos eran homes, polo empeño que poñían en disimular as súas voces verdadeiras falando de falsete. Con todo, víase que procuraban falar o menos posible e non levaban reloxos no pulso nin calquera outra cousa que puidese identificalos. Paseaban xuntos pola rúa e íanse metendo coa xente coa que se cruzaban, facendo referencias a pequenas cousas que demostraban que eran bos coñecedores do que se cocía na vila. Algunha xente asustárase e andaba cos nervios á beira de todo porque quen máis quen menos tiña algo que rañar e non quería que se soubese. Unha das persoas máis afectadas foi a Manuela, que liscou coma un foguete para a casa, logo de lle cuscubiñaren dous deles algo que só ela escoitou. Ninguén sospeita o que podía ocultar a muller, pero debía ser asunto serio pola reacción que tivo. O grupiño aquel esvaeuse con tanto misterio como aparecera e nunca máis se soubo, por máis que houbo quen tentou identificar aqueles entremetidos.

Ao día seguinte era mércores de cinza e aínda que non existía obriga de asistir á misa coma nos días de precepto, nalgunhas casas mandaron a xente nova á cerimonia. Na misa o cura foilles marcando na fronte unha cruz coa cinza mentres pronunciaba aquelas palabras en latín que parecían máxicas, sobre todo aquilo de «… et in pulverem reverteris». O abade, mentres cumpría o rito, fitaba os mozos un a un para tentar adiviñar quen foran os responsables do que pasara o día anterior. Ningún deixou traslucir nada e, por certo, a Manuela aquel día non pisou a igrexa.

EL CORREO GALLEGO, 20/02/12

Escritor

Categorías: Opinión

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.