Falece Carlota Paz, a gran fonte de inspiración de Borobó.

Publicado por Redacción en

A primeira obra do escritor é unha lenda que ela lle narrou

Foi a súa compañeira en vida e unha das encargadas de manter o seu legado trala súa morte. Pero sobre todo, Carlota Paz Barreiro, que a pasada madrugada falecía aos 97 anos de idade, foi a principal fonte de inspiración de Raimundo García Domínguez, Borobó. Así o manteñen os seus achegados e o confirma Xoán po’reás, a primeira obra do escritor, un texto que era unha lenda que a propia Carlota escoitara dos beizos da que era a súa coidadora de nena e despois lle narrara ao seu home.

Da man de Borobó, ela mergullouse de cheo no eido literario. Casaron a finais dos anos 40, cando el, despois de pasar por diversos campos de concentración durante a Guerra Civil, se estableceu en Santiago e traballou en La Noche. Xuntos participaban nos faladoiros que tiñan lugar tanto en establecementos hostaleiros como nas propias casas dos escritores. Nun deles, un que se celebraba na taberna A Carballeira de Vigo, foi onde Álvaro Cunqueiro tivo a idea de dedicarlle un poema a cada unha das parellas das plumas presentes. Os versos escritos por el na honra de Carlota, que levan o seu nome, son os únicos que aínda se conservan.

A parella residiu en Santiago ata o 1965, ano no que establece a súa residencia en Madrid. Aínda así, cada verán desprazábanse á localidade boirense de Trebonzos, onde estaba a casa familiar. Tralo falecemento de Borobó, no 2003, Carlota Paz permaneceu na capital, aínda que hai un lustro, cando xa requiría coidados debido á súa idade, regresou a Compostela.

Desde alí onde estaba residindo, Carlota Paz sempre se brindou a manter viva a memoria do seu home, desprazándose en diversas ocasións a Boiro para acudir ás homenaxes que se lle tributaron ao escritor, nomeado fillo adoptivo. A asociación cultural que leva o nome do intelectual agradeceulle ese esforzo nomeándoa, no 2010, presidenta de honra.

A nivel persoal, Carlota Paz caracterizouse por ser unha persoa afable e sinxela, así como por estar moi orgullosa dos seus cinco fillos. A máis coñecida en Barbanza é Paola García Paz, pintor vinculada á asociación Barbantia que foi durante moito tempo a man dereita de María Luisa García na extinta asociación O Faiado.

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.