O Concello de Pontecesures adhírese ao Programa de Emprego da Fundación Amigos de Galicia.

Os veciños e veciñas en situación de dificultade económica que se atopen en desemprego poden desde esta semana consultar o Boletín Semanal de Ofertas de Emprego no SSC

O Programa da Fundación Amigos de Galicia dirixido ás persoas en desemprego incluídas no Programa de Alimentos trata de promover a inserción laboral destas persoas. A fundación conta cunha Técnica de Emprego que semanalmente elabora un Boletín de Ofertas de traballo que estará dispoñible para a súa consulta no Servizo Social Comunitario municipal.

Agardamos con esta nova iniciativa mellorar as expectativas de incorporación ao mercado laboral de veciños e veciñas do noso Concello facilitándolles información actualizada sobre as ofertas de traballo que se vaian realizando na nosa comarca.

Para máis información e presentación de solicitudes poden dirixirse ao Servizo Social Comunitario de Pontecesures os luns, martes e venres de 9 a 13.30 horas.

 

Entroido no CPI Pontecesures

Este venres 17 de febreiro de 2012, a partir das 11h30, o CPI PONTECESURES celebra o Entroido. Trátase dunha actividade común a todo o centro e a ela están convidados as familias dos alumnos e alumnas.

Este ano o tema escollido é o das Olimpiadas. Os diferentes grupos de nenos e nenas desde educación infantil até educación secundaria obrigatoria, pasando por educación primaria desfilarán no pavillón municipal de Pontecesures ante os seus familiares caracterizados de diferentes maneiras alusivas ao deporte olímpico e realizando diferentes bailes.

Tendo en conta os tempos que corren, cheos de negros presaxios, nada mellor que a suspensión que nos permite o Entroido para divertirnos e rirnos e así liberarnos das tensións. Por iso, animamos a todas as familias a que se acheguen ao pavillón municipal de Pontecesures para dar acubillo á ilusión dos nenos e nenas.