Os Concellos de Valga, Rois e Pontecesures premian no seu entroido a tradición das Patifas e os Valeiros do Ulla.

A comparsa «Patifas, Valeiras, Valeiros e Criaturas do Ulla« organizada pola Asoc. A Estornela e Valeira Pontecesures resultou premiada neste entroido na súa categoría, no Concello de Rois, onde acadou o segundo premio, e o primeiro nos Concellos de Pontecesures e Valga.

Este Desfile Valeiro inspirado na figura das Patifas e os Valeiros do Ulla é unha homenaxe á tradición máis mariñeira de Pontecesures e pon en valor a figura das patifas, reivindicando o gran labor destas mulleres no pasado.

Primeiro premio no Entroido de Valga
Foto de grupo da comparsa no momento da recollida do premio no Auditorio de Valga. Mais imaxes na conta de Instagram de Valeira_Pontecesures.

A comparsa estivo formada por integrantes de tódalas idades que desfilaron é bailaron ó son da música, nestes dous fins de semana de entroido nas tres vilas da comarca. Lampreas de casi 2 metros, anguías, sollas, valeiros coa súa barca e aparellos e as patifas coa panela na cabeza, conformaron o desfile do Pontecesures mais mariñeiro.

A meirande parte dos materiais dos traxes, peixes, barca e panelas eran reciclados ou de vimbios e na elaboración dos mesmos participaron, entre outros, o Grupo GEDA de Porto con Elena Vidal á fronte, os usuarios do Centro de Día de Valga e o Grupo de Calceta da Estornela.

A seguinte parada deste Desfile Valeiro será Cuntis onde veremos si as lampreas do Ulla convencen igualmente e o xurado valora unha comparsa de corte tan tradicional e galego.

Os Alevíns do Cordeiro-Ulla CF celebran o fin de tempada no Parque Acuático de Amarante.

Unha gran parte dos xogadores da categoría Alevín do Cordeiro-Ulla CF e as súas familias desprazáronse en autobús o sábado pasado ata Amarante, para celebrar no parque acuático desta localidade portuguesa o fin de tempada; a excursión foi organizada por un grupo de pais e nais que, tras un ano intenso de competicións e torneos, quixeron agasallar os rapaces cunha actividade lúdica e distendida, na que tanto maiores como pequenos, desfrutaron das diferentes atraccións acuáticas que o parque ofrece.

“Consideramos importante dotar dunha dimensión social ó deporte de base; este tipo de actividades axudan a crear vínculos, socializar, e xerar emocións positivas entorno ó deporte, levando a súa práctica máis alá da competición” opinaba ó regreso da excursión, xa case a media noite, unha das nais organizadoras da xornada.

Os rapaces e rapazas descansarán estes días para retomar os adestramentos nunhas semanas.

Imaxe do grupo no Parque Acuático de Amarante, 15/07/2023